Magosto 2012
O pasado 23 de novembro festexamos nos locais da SDR Canido o Magosto.
«A miña María,
O meu Manuel,
Castañas asadas,
Pucheiros de mel.»
ESCOLA DE BAILE MARIO ESCUDERO e a AGRUPACIÓN DONAS E GALÁNS.
Local ateigado de vecindade, de bulideiros pais e nais á espera das actuacións. Namentres, o fumear e arrecendo das castañas. Axeitado ambiente e escenario onde os nenos e nenas cantaron e danzaron segundo a tradición, e afincando un futuro con raíces na Terra. Parabéns a eles e a ALBA, a súa directora.
En días coma estes da mal chamada globalización, dá xenio e ilusiona ver xentes organizadas que seguen na loita e na defensa de festas colectivas como o Magosto nas que a xente goza de danzas e cantos tradicionais de gran fermosura que o pobo traballador galego foi criando para o seu divertimento e que chegaron ata nós, escolmadas no paso do tempo, xerazón tras xerazón.
Garanten os nenos e nenas da Escola de Baile Mario Escudero un futuro do noso folclore sen imposicións alleas ao País cara á normalización da nosa música, da nosa lingua, de Nós. Deste xeito dende Muíño do Vento–Canido sempre estaremos dispostos a axudar, se fose o caso, ás organizacións coma a Escola de Baile Mario Escudero, Donas e Galáns e cantas outras están na defensa e posta en valor da nosa cultura. Que siga a música e a danza!!
Premer para ver todas as colaboracións.