Eliseo Zaera Ríos
O pasado 22 de novembro, comezaron os nosos Parladoiros ao Serán. E foi este primeiro parladoiro un fermoso acto que tivo lugar no local da Sociedade Galega de Historia Natural. Tratábase de recuperar experiencias, de contar, de lembrar, de facer Historia.
E sen dúbida foi o que fixo, de xeito moi emotivo, ELISEO ZAERA RÍOS que, arredor da lareira e mentres o mestre Antón mantiña vivo o lume, engaiolou á veciñanza de Canido coas súas vivencias de infancia, os seus internados, as súas viaxes, estudos, traballos…: a súa vida. Arredor do lume e do conto contado, algúns dos alí presentes facíanse participes daquelas vivencias .Outros e outras de seguro lembraron e sentiron emocións. Foron memorias dun neno chamado Eliseo, nado en Santiago, criado en Carantoña e, despois de casar con Dolores, hoxe veciño de Canido.
O Parladoiro acabou como rematan sempre os parladoiros, é dicir, desexando acender o lume para o próximo encontro, e, camiño da casa, lembrando e comentando as vidas do Eliseo, que puido nacer en Canido, mais…
Eliso nace o 11 de abril de 1939 en Santiago de Compostela.
-Ao mes xa o levan para Carantoña (Leiro–Miño–A Coruña) onde seu pai, D. Pascual, era Mestre Nacional na escola unitaria situada no lugar de Montés (aínda existe, cuberta de hedras).
-Até os nove anos viviu en Leiro, fronte á Igrexa parroquial da que foi acólito con D. Leopoldo, crego que ten a súa historia; …despois casou (o crego). Aprendeu Eliseo as primeiras letras e números co seu pai e na escola de D. Pablo, que a tiña detrás da parroquia. Viviu esta infancia totalmente integrado no rural, participando en todas as actividades do entorno: sementes, colleitas, mallas, matanzas, etc. Acompañou o seu pai, tanto á escola -ás veces-, coma á caza e aos arredores, a onde ía poñer inxeccións pois tamén era practicante.
-1948: Aceptou a oferta (o seu irmán maior rexeitouna) de ingresar interno no colexio dos xesuítas da Guarda (Pontevedra), á beira do Miño, fronte Portugal, onde botou catro anos inesquecibles.
-1952: Pasa ao Colexio de S. Zoilo, de Carrión de los Condes (Palencia), para continuar a formación, camiño, en principio, do Noviciado dos xesuítas en Salamanca, e facer 4º, 5º e 6º dun Bacharelato mixto (letras e ciencias) moi completo; por exemplo, estudaban Latín e Grego dende Ingreso, con nove anos.
-En 1952 xa a familia vivía en Ferrol, a onde trasladaran ao seu pai como mestre no Colexio Ibáñez Martín, nas Casas Baratas, onde lles concederan unha -das máis grandes- por ser familia numerosa (eran 12 irmáns).
-1954: Morre seu pai en Ferrol, e só, con quince anos e á metade do curso, chega a tempo ao enterro. De volta ao colexio, mentres espera máis de dúas horas na estación de Palencia polo autobús que o leve a Carrión, fuma o seu primeiro cigarro, un Bisonte que lle senta fatal.
-1955: Final do último curso en Carrión de los Condes. Con dezasete anos acabados de cumprir, recoméndanlle pasar un ano coa familia, para asegurar a vocación. Vive nas Casas Baratas, xunto con oito irmáns e a súa nai, asumindo sen decatarse un papel case de cabeza de familia.
-1956: Despois de resolver os trámites para convalidar os estudos (o colexio dos xesuítas non tiña recoñecemento oficial), cursa 6º e Reválida no Instituto de Ferrol, aprobando con notable e iniciando o Preuniversitario de Letras, que aproba no 57 na Universidade de Santiago.
-1957: Chámano para substituír a un profesor de Ingreso e 1º curso (Gramática e Aritmética) no Colexio Tirso de Molina de Ferrol, onde dá clases dous cursos a grupos de 50 alumnos (un pola mañá e outro pola tarde). Ao mesmo tempo, daba clases particulares de Latín, para axudar á delicada situación económica da familia.
-1959: O pai de dous alumnos do Tirso, aos que tamén axudaba na súa casa, proponlle traballar na empresa de pesca e elaboración de bacallau PEBSA, da que el era delegado. Aceptou.
-1960: Ingresa na PEBSA, dentro do recinto de ASTANO; segue estudos de Filosofía e Letras (por libre) na Universidade de Santiago; intégrase na Acción Católica, onde chega a ser Delegado Diocesano de Aspirantes, nunha actividade semellante aos Boy Scouts, e xunto ao crego Rico Basoa, ex traballador de Bazán, desenvolve o labor formativo e lúdico dos pequenos de AC.
-1964: Logo de participar na vida social da cidade, como calquera mozo de vinte e poucos anos, casa na Domus, baixo o ministerio do bispo Argaya (D. Jacinto Argaya Goicoechea) cunha guapa moza de Canido, Dolores Landeira Vargas.
-1968/70: Participa activamente no Sindicato Vertical, sendo delegado na empresa e elixido para negociar en Madrid o Convenio Interprovincial de Empresas do Bacallao. Tamén a finais dos 60, matricúlase na Escola de Peritos Navais, que se estableceu no Instituto de Ferrol e onde se implantou unha quenda de clases de tarde/noite para traballadores. Rematou co título de Enxeñeiro Técnico Naval o ano 1975, xa en ASTANO.
-1971: Por reaxustes na empresa e acordos do Grupo Barrié de la Maza, pasa a ASTANO, onde traballa no Departamento Técnico (control de laminados) e no 79, unha vez que lle que recoñeceron o título de Grao Medio, é nomeado xefe do Taller de Tubos, con 120 operarios e unhas instalacións modernas automatizadas.
-1974: Participa nunha experiencia, xunto con outros tres matrimonios, de vida comunitaria nunha antiga mansión en Timiraus (Valdoviño).
-1976: Seguindo en ASTANO, co tránsito do 75 á democracia, afíliase á USO, sindicato no que participa activamente e do que chega a ser secretario local de Ferrol.
-1984: Participa activamente no proceso de RECONVERSIÓN do Sector Naval. Viaxa aos EE.UU. e México, co propósito de instalar en Ferrol unha fábrica de tubos que non prosperou. Asume responsabilidades na segregación da División Industrial de ASTANO, na que era o xefe do taller de tubos, para transformala na Empresa de Bens de Equipamento IMENOSA (Industrias Mecánicas del Noroeste, S.A.), constituída a finais de 1985, participando no seu equipo directivo como comercial. Durante 6 anos viaxa por case todo o mundo: Europa, África, América (Norte e Sur) e Asia.
1992: Novo proceso de Reconversión. Prexubilación aos 63 anos e xubilación en 1995.
1995: Asume a Presidencia do ATENEO FERROLÁN, no que bota 16 anos. Dende esta responsabilidade, ademais das tarefas propias do cargo, establece relacións con Ateneos de España, Portugal e Iberoamérica (asumindo persoalmente as custas dos desprazamentos). Dentro destas relacións hai que salientar que o ATENEO FERROLÁN figura como membro fundador de AIFA (Asociación Iberoamericana y Filipina de Ateneos), asociación que se preparou en reunións mantidas en Madrid (Ateneo de Madrid), Valencia (Ateneo de Valencia), Gijón (Ateneo Jovellanos) e Lisboa (Ateneu de Lisboa) e foi consolidada e proclamada en México (Ateneo Español de México) no ano 2001 coa representación de catorce Ateneos internacionais e a participación do presidente do Ateneo Ferrolán. No ano 2012, coa renovación da directiva do Ateneo, pasa a ser vicepresidente.
Esta é unha síntese da vida (e milagres) de Eliseo Zaera Ríos, somentes para ter unha idea das súas actividades, episodios, relacións, viaxes, etc. deste home. Apertas.