Tertulias no Muíño » A que xogabas cando eras crianza?
Coa asistencia de doce persoas, das que dez eran mulleres e dous homes, celebramos unha das tertulias do Muíño á que lle demos o título de “A que xogabas cando eras crianza?”, e que acompañamos cun cafeiño que tomamos aló polo medio da conversa.
Comezamos cunha breve presentación comparativa da ocupación dunha rúa antano e hoxe. Servímonos do cadro de Brueghel o vello, Jeux d’enfants, que pintado no 1560 presenta unha manchea de cativas e cativos a xogar nunha rúa a uns oitenta e seis xogos populares diferentes.
Serviu como impulso para lembrar pola asistencia aqueles xogos que desenvolvían na súa infancia. Coa participación dunha parte da xente, fóronse citando diferentes enredos e brinquedos que reinaban nas rúas de Canido, naqueles anos da década dos cincuenta maiormente. Así foron lembrados os chós de saltar á corda, o xogo da chapa, as casiñas, o lorcho, arrincanabos, as quedas de librar, as de altura ou as quedas envelenadas, o tulé a pata de galo… E brinquedos como os carros de caixas de rodas para tirarse polas costas abaixo, as bochas de xabón, os zancos ou o aro entre outros.
Foi un momento de memoria, de lembrar con satisfacción inmensa que naquela altura as meniñas e os meniños enchían as rúas do barrio, e retirábanse ao lusco e fusco cansas e esgotadas de tanto brincar.
GALERÍAS DE FOTOS