PRESENTACION DO LIBRO «EU CANTAR, CANTAR, CANTEI»

PRESENTACION DO LIBRO «EU CANTAR, CANTAR, CANTEI»

            O venres 30 de maio foi presentado no Centro Cívico un libro de poesía, editado por Muíño do Vento e a Asociación Veciñal de Canido, no que tamén figura a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG). O seu título, Eu cantar, cantar, cantei…, foi tomado do primeiro verso do último poema dos Cantares Galegos de Rosalía de Castro, que á súa vez é procedente da poesía de tradición oral. 

            Trátase dunha obra colectiva resultado dun obradoiro de poesía programado pola AELG.

Xeliños Álvarez Alvariño, Chelo Carballal Balsa, Antón Domato, Nuria García Gonzalo, Chus Ríos López, Enrique Rodríguez, Carme Romero e Antonio Tizón, son as oito persoas autoras do libro, que escribiron as poesías durante o desenvolvemento do obradoiro que foi desenvolvido  na biblioteca do centro cívico, durante o mes de novembro do pasado ano, coordinado por Antón Cortizas Amado.

            Foi unha presentación emocionante e orixinal, na que cada persoa autora fixo unha breve e persoal referencia á súa participación no obradoiro e deleitounos coa lectura dalgúns versos da súa autoría.  Concluíse cunha interpretación musical de Carme Romero, autora tamén da ilustración da capa do libro.

            Durante todo o acto floreceu o recoñecemento e agradecemento á ASC Muíño do Vento e á Asociación Veciñal de Canido, que propuxeron e animaron e realizaron a publicación deste poemario colectivo no que o barrio está presente nos versos, nas cantareas e nas fotografías que o ilustran.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *