PRESENTACIÓN DO LIBRO «A REVOLUÇÃO DOS CRAVOS PRETOS» DE RAFAEL AGUIRREBENGOA E XOÁN FRANCISCO LÓPEZ PÉREZ

PRESENTACIÓN DO LIBRO «A REVOLUÇÃO DOS CRAVOS PRETOS» DE RAFAEL AGUIRREBENGOA E XOÁN FRANCISCO LÓPEZ PÉREZ

Este pasado 25 de abril, dentro dos actos de conmemoración da nosa fundación como asociación e do 50 aniversario da Revolución dos cravos en Portugal, nunha sala chea ata a bandeira, Xoán López e Rafa Agurrebengoa presentaron o seu libro de indagación e divulgación das raíces que están na base da Revolución portuguesa e dos acontecementos que tiveron lugar entre o 25 de abril de 1974 e o 25 de abril de 1976, data na que entrou en vigor a constitución democrática que hoxe rexe o país irmá. O libro leva por título “A Revolução dos cravos pretos” e consta de 295 páxinas distribuídas en tres partes claramente diferenciadas: as guerras coloniais, o desenvolvemento do proceso revolucionarios no transcorrer dos dous anos citados e unha serie de anexos que explican algúns capítulos que merecen unha atención máis a fondo:  explosión de movementos revolucionarios no mundo obreiro, agrario, urbano e feminista, caracterización do réxime de Salazar e Caetano e as súas políticas represivas, vocación intervencionista do exército durante todo o século XX e, finalmente, un anexo específico sobre o modo en que se recolleu e transmitiu todo o proceso en Galicia.

Xoán López explicou os obxectivos do libro, a razón do seu título e debullou os seus contidos empezando pola débeda que o proceso ten coas loitas de liberación africanas, convertidas en guerras coloniais, en Angola, Moçambique e Guiné e Cabo Verde. Continuou explicando as diferentes fases que se deron durante eses dous anos que chegaron a desembocar nunha guerra civil de baixa intensidade, para nada exenta de violencia e mortes. A revolución, da que tendemos a ter unha visión excesivamente romántica, tivo tamén os seus puntos máis escuros. Rafa Aguirrebengoa centrou a súa intervención en certos acontecementos que axudan a comprender como se desenvolveu a revolución e que, cada un por si mesmo, podería dar para traballos de investigación particulares con capacidades explicativas que superan as dunha mera anécdota.

O libro está dispoñible para a súa distribución na nosa Asociación e, facendo un esforzo económico, puxémoslle un prezo de 12,00€.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *