Mesa redonda: O xornalismo galego hoxe

Como continuación da conferencia O xornalismo galego, impartida polo profesor Xosé Mª Dobarro, o 2 de febreiro tivo lugar a mesa redonda O XORNALISMO GALEGO HOXE.

Foi presentada esta mesa por Eliseo Zaera e participaron como relatores, Xulia Díaz, Xosé Mª Dobarro e Germán Castro. Perto de dúas horas de exposicións e debate que aínda puideron ser máis, dado o número de preguntas e intervencións do público asistente que amosa o interese da Mesa.

Xulia Díaz, membro do Colexio de Xornalistas de Galicia, é, dende novembro de 2016, presidenta do Club de Prensa logo dunha dilatada vida dedicada ao xornalismo, sobre todo no mundo da radio, onde foi directora da Cadea Cope en Ferrol, realizando programas senlleiros como O Espello, nos albores da radio en lingua galega.

Germán Castro , xornalista, iniciouse profesionalmente no Ferrol Diario, pasando logo por El Norte de Galicia, El Faro de Vigo, corresponsalías de El Pais, RNE, crítico deportivo de La Hoja del Lunes, La Voz de Galicia. No ano 1999 abandona o diario coruñes para sacar á rúa o Diario de Ferrol.

Xose María Dobarro é doutor en Filosofía e Letras. En 1989, ao crearse a Universidade da Coruña, optou por adcribirse a ela obtendo a cátedra de Filoloxía Galego–Portuguesa, sendo o primeiro decano electo da Facultade de Filoloxía. Dirixiu varias teses de doutoramento e licenciatura, ademais de investigador principal en distintos proxectos.

Debates arredor do xornalismo: O mundo audiovisual, cun alto consumo e un peso moi grande da radio e televisión estatal. A falta dunha rede forte de emisoras galegas cunha programación propia e non supeditada aos programas de ámbito estatal, que reducen as información locais e galegas a tan só uns minutos. A problemática das concesións de onda. A falta de continuidade e supeditación aos ingresos xerados pola publicidade.

Outros contidos dos que se falou foron: o xornalismo interpretativo, a desaparición de todos os xornais impresos en galego, o paro entre profesionais do xornalismo, a irrupción de internet, o pluralismo na prensa, a independencia económica como garante da liberdade de expresión, as subvencións e o seu reparto, a necesidade dunha prensa galega e dunha prensa local, a viabilidade dun xornalismo e unha prensa en galego, o control que exercen as axencias de noticias, a prensa pública e a prensa privada, o control político dos xornais a través das subvencións e propaganda…

Moito debate e unha conclusión: a cidadanía TEN QUE PARTICIPAR ACTIVAMENTE NA DEMANDA DUN NOVO XORNALISMO EN GALICIA HOXE.

GALERIA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *