II Xantar dos Maios no campeiro de Pérez Parallé
O pasado domingo 4 de maio, como remate das actividades festivas, celebramos o “II Xantar dos Maios”.
Foi un encontro lúdico e festivo. Mais tamén reivindicativo dun espazo: os campos de Pérez Parallé. Son estes campos un fermoso lugar que, con vontade e decisión do Concello, se poderían converter nun fermoso parque para o lecer da veciñanza da Canido. Hoxe este espazo está degradado e, por desleixo e abandono, non é máis que zona de citas e visitas de cans e donos.
É doado visualizar un novo parque (hoxe, por non ter, non ten nin nome), onde familias coas súas crianzas gocen do contacto coa natureza, arrolen polo chan, escoiten os paxaros, ulan o frescor da herba…; e mentres á beira, un espazo reservado para que tamén os cans corran libres e fagan todo o que teñen de animalidade. Fermoso e doado de acadar.
Baixo o lema “UN PARQUE PARA A XENTE”, nós non reivindicamos un soño imposíbel, senón vontade política para, con moi pouco orzamento, humanizar un lugar do barrio. Só é necesaria unha ollada de perto, con agarimo e sensibilidade do noso, para atopar solucións acaídas.
Mais a xente revindicativa que alí estabamos, tamén puidemos gozar da nosa gastronomía, compartindo mesa e mantel. E tamén o goce dos nosos cantos e danzas e ata dos entremeses e dramatizacións que de xeito espontáneo agromaron durante o xantar. Era a tardiña dun soleado mes de maio cando marchamos Canido adiante.
Os xornais do día recolleron as nosas revindicacións. Agora cómprelle a quen corresponda poñerse ao corrente e actuar. Nós seguiremos reivindicando na defensa e posta en valor de todo aquilo que faga de Canido un barrio máis noso, máis humano e habitábel.