II festa dos premios literarios «Textos de contraportada» e «Inventa unha flor»

O sábado 3 de maio tivo lugar, nos Xardíns da Fenia, a entrega do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportadae dos recoñecementos do II Certame literario escolar Inventa unha flor.

Cun barrio de Canido engalanado por ser a festa dos Maios, numeroso público acudiu a ver o acto, que presentou o sempre maxistral Antón Cortizas.

Abriu a festa o Grupo de baile Mario Escudero, escola na que nenose nenas -algúns de só 3 anos- toman contacto co noso baile tradicional.

A continuación, nenos e nenas dos centros escolares participantes -IES Canido, CEIP Juan de Lángara e Colexio San Rosendo- leron os traballos literarios creados para o certame Inventa unha flor, e que se recolleron nun libro dixital que se publicará na páxina web de Muíño do Vento, nas dos centros, e nas daquelas asociacións, ANPAS etc. que o soliciten.

O ilusionista Martín Varela, unha realidade no mundo da maxia, despregou a continuación a súa arte con diversos números que mantiveron o público sen afastar a vista do escenario.

O músico Lalo Carnota recolleu o Premio de Textos de Contraportada polo texto da contraportada do seu libro-disco A Terra Queima, do que é coautor xunto co escritor Xurxo Souto.

A alumna do IES Canido Joana López leu a acta do xurado e mais o texto premiado, que di así:

Chíos de paxaros, vento entre as árbores, murmurios nas fontes, nos montes… Cantiga marabillosa! Só cómpre, como fixo Antón, o protagonista deste conto, deterse un chisco e escoitar a música da natureza. Mais, atención! Esta melodía ás veces tamén pode facerche graves confidencias. Mesmo reclamar a túa axuda para salvar o Mundo!

Antón Cortizas presentou o Premio facendo un paralelismo entre a importancia dos textos das contracapas dos libros e a vida e mais o traballo nos barrios, é dicir, o que está máis agochado e socialmente menos se valora.

Despois da entrega do Premio de textos de contraportada subiu ao escenario un grupo de alumnos e alumnas participantes no certame Inventa unha flor. Magnificamente dirixidos polo profesor de música do colexio San Rosendo, Carlos Díaz, e acompañados ao acordeón por Catuxa Pita, interpretaron Vals da Primavera, no que foi, sen dúbida, a actuación máis emotiva da xornada.

Finalizou o acto coa actuación do grupo Alén de Ancos.

Todos os autores e autoras dos traballos escollidos polos centros para formaren parte do libro dixital recibiron, ademais dun diploma comemorativo, unha peza elaborada polo alumnado do obradoiro de cerámica do Sánchez Aguilera a partir dun boceto creado por unha das alumnas, Natalia Pallarés. O obradoiro, organizado polo Concello de Ferrol, estaba dirixido pola ceramista Susana González Amado, autora tamén da peza representativa do Premio de textos de contraportada.

Recolleron tamén cadansúa peza un representante de cada centro educativo participante; Alba Foxo, directora do Grupo de baile Mario Escudero; Catuxa Pita; Carlos Díaz e Natalia Pallarés.

Muíño do Vento quere agradecer o traballo desenvolvido polas moitas persoas e colectivos que fixeron posible que esta segunda edición fose un éxito. Así mesmo, quere agradecer a profesionalidade dos artistas que pasaron polo escenario da Praza da Fenia, que fixeron súa a festa. Por último, quere agradecer a autores e autoras, así como a editoriais, a súa participación no Premio de textos de contraportada, que ten como único fin contribuír á visibilidade do libro galego e á súa promoción entre os lectores novos.

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *