Parladoiro ao serán con Francisco Rodríguez Sánchez

Realizamos un novo parladoiro o pasado 13 de xuño, no local da SGHN. Parladoiro ao serán con Francisco Rodríguez Sánchez, Paco, veciño da Tafona e profesor do Instituto de Canido durante anos. Parladoiro onde a biografía ía parella ao compromiso e defensa de Galiza.

Nace Paco en Serantes e lembra o mundo mariñeiro da ría onde, sen maior esforzo, era doado coñecer anguías, camaróns, fanecas, sollas… A vida na natureza. A escola de Serantes ata os dez anos, coa señorita Obdulia, que recitaba as partes do corpo mais non daba clases de relixión. O ingreso no Instituto Concepción Arenal. A vida familiar cuns pais sempre preocupados pero sen unha actitude de control sobre a súa vida de neno. Un neno observador e moi matinador en busca de respostas á súa posición no mundo. E pouco e pouco, a busca do País.

Despois do bacharelato, a marcha a Santiago, onde estuda dous anos, os comúns de Filosofía e Letras. Encontra unha Universidade decepcionante, coa sensación de ter retrocedido a un colexio privado. Marcha a Madrid, onde participa nunha inxente actividade ideolóxica e pública, sempre como rapaz galego, nacionalista e anti-imperialista. Era “Paco El Gallego”.

E volve a Galiza no 67 para dar aulas no Colexio Jorge Juan de Xubia e tendo claro onde tiña que estar a súa militancia.

O servizo militar no 69, como soldado de artillería en Parga e Ferrol. Quince meses vixiado con consideración de elemento perigoso separatista e comunista. Acusado de ser incitador dun plante en Parga, controlo polo SIM e despois de pasar por varios destinos (xardíns, levar lixo aos vertedoiros, regar campos ata no mes de abril, radio…) pasa a traballar no Arquivo do Reximento.

E mentres, con dereito de pernocta, impartía Paco aulas de Língua e Literatura Española no Instituto, substituíndo no nocturno a don Manuel Masdías, interinidade que non puido renovar pola oposición do reitorado.

Rematado o servizo militar e a interinidade, marcha a Albacete a tomar posesión da praza de profesor agregado, para continuar o labor de profesor, polo que Paco amosa o máis grande interese e paixón, sempre na busca dun ensino comprometido, na defensa das xustas causas do alumnado, que o levaron a conflitos con direccións e inspeccións, na defensa dun ensino dende Galiza e en galego, na defensa dun ensino alternativo que esperte no alumnado interese e paixón pola crítica social e a creativide artística.

Aulas no Colexio Jorge Juan. Estancia nun Albacete que lle chama a atención pola escasa oposición ao franquismo, en comparativa con Ferrol. Problemas en defensa do alumnado e dos dereitos laborais. Paso por Ourense e expediente pola defensa do alumnado diante dun castigo colectivo e inapropiado. Etapa dura en Cangas, xa de catedrático, con lembranzas agarimosas para aquel alumnado de entre 15 e 18 anos que cantaba nas clases o Himno Galego. Expulsión a Puerto Real con motivación aparente de participación nunha folga en solidariedade cos PNNs, mais con motivación real por impartir aulas en galego. Volta do desterro e paso polos Institutos de Carballo e da Estrada, e finalmente chega ao Instituto de Canido onde no curso 1991-1992 pon a funcionar o teatro con máis de 25 alumnos matriculados.

Amosa Paco no relatorio os agradecementos a tantos compañeiros e compañeiras grazas ás cales puido subsistir en continuas situacións de conflictividade e loita.

O compromiso social: Estadías na cadea no ano 72 e 89. A militancia no BNG. O traballo parlamentar en Santiago e Madrid.

E sempre, o enorme traballo de investigación, o inmenso traballo intelectual arredor da obra de Rosalia, de Curros, de Blanco Amor.

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *