XIV EDICIÓN DO CERTAME LITERARIO “INVENTA UNHA FLOR”
CANIDO CELEBROU O PASADO SÁBADO 9 DE MAIO A XIV EDICIÓN DO CERTAME LITERARIO “INVENTA UNHA FLOR”
A Asociación Sociocultural Muíño do Vento, en colaboración coa Asociación Veciñal de Canido e a Sociedade Recreativa e Deportiva Canido, celebrou o pasado fin de semana a entrega de premios do Certame Literario Inventa Unha Flor. Esta actividade está fondamente vinculada á festividade dos Maios no barrio de Canido e constitúe xa unha cita destacada dentro da programación cultural e educativa da contorna.
Nesta ocasión, a celebración tivo lugar ás 11.30 h no pavillón do IES Canido. Nesta décimo cuarta edición participaron o CEIP Juan de Lángara, o Colexio San Rosendo, o CEIP Cruceiro de Canido, o IES Canido e o IES Ferrol Vello, achegando centos de creacións literarias e demostrando, unha vez máis, a grande implicación da comunidade educativa co certame.
Ao longo da mañá desenvolveuse un acto cheo de emoción, música e creatividade no que se combinaron a lectura dos traballos premiados coa entrega de diplomas e medallas. A parte musical contou coa participación das Pandeiretas de Muíño do Vento, así como coas actuacións de Tempiño, Tempo Novo e do alumnado dos colexios San Rosendo e Cruceiro de Canido, que contribuíron a crear un ambiente festivo e participativo.
A cativería foi a gran protagonista desta celebración, destacando polo seu entusiasmo, pola súa imaxinación e polo esforzo demostrado nos textos presentados. O certame continúa medrando grazas á ilusión das nenas e nenos que cada ano lle dan vida con historias, poemas e flores inventadas capaces de encher de creatividade o barrio de Canido.
Tamén houbo tempo para os agradecementos. No transcurso do acto se puxo en valor a xenerosidade e colaboración das entidades do barrio, como a Sociedade Recreativa e Deportiva Canido e a Asociación Veciñal de Canido, sempre dispostas a colaborar e apoiar iniciativas culturais e comunitarias. Así mesmo, houbo un recoñecemento especial para o profesorado do IES Canido polo seu acollemento e implicación e para toda a xente de Muíño do Vento, que durante semanas dedicou esforzo, tempo e ilusión para facer posible unha nova edición deste encontro.
O Inventa Unha Flor segue así o seu camiño cara aos quince anos de vida, consolidándose como unha iniciativa cultural e educativa de referencia no barrio de Canido. A celebración rematou cun agradecemento a todas as persoas que participaron, colaboraron ou dedicaron parte do seu tempo para facer posible unha nova edición desta festa da palabra, da música e da convivencia.
