XIII CERTAME LITERARIO ESCOLAR INVENTA UNHA FLOR

XIII CERTAME LITERARIO ESCOLAR INVENTA UNHA FLOR

O venres 3 de maio, o Centro Cívico de Canido volveu acoller unha nova edición do Certame Literario Escolar Inventa unha flor, organizado por Muíño do Vento, que este ano cumpriu XIII edicións.

Participou o alumnado dos centros educativos do barrio —Colexio San Rosendo, CEIP Cruceiro de Canido, IES Canido e IES Ferrol Vello—, que deu lectura aos seus textos, cheos de creatividade, emoción e homenaxe á festa dos Maios. Un traballo colectivo no que se notou o acompañamento do profesorado e o entusiasmo da rapazada.

O acto abriu coa actuación das Pandereiteiras do Muíño, que deron comezo á celebración con alegría e ritmo. E pechou cos coros Concerto Tempiño e Tempo Novo, que volveron encher o espazo de música e complicidade interxeracional.

Como é tradición, colexios, presentadores e alumnado recibiron a medalla do certame, unha peza de cerámica feita por Susana González Amado. O alumnado participante tamén levou un diploma acreditativo, símbolo dun traballo que vai máis alá do papel.

O apoio do Concello de Ferrol, da Asociación Veciñal de Canido e de tantas persoas que colaboran de xeito desinteresado fixo posible, unha vez máis, que este encontro coa palabra e coa primavera se desenvolvese tal e como foi soñado.

Grazas de corazón a todas e todos por seguir facendo medrar esta festa das letras en Canido.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *