VISITA GUIADA AOS PETRÓGLIFOS DE CHAMORRO.

VISITA GUIADA AOS PETRÓGLIFOS DE CHAMORRO.

Este sábado, 17 de xuño, ás 21 horas, xuntámonos por iniciativa da Asociación Cultural Ferrolterra Antiga e convocadas por Muíño de Vento e a Asociación Veciñal de Canido, un nutrido grupo de persoas para coñecer de cerca un dos últimos descubrimentos de arte rupestre nos arredores da ermida de Chamorro.

Os compañeiros de Ferrolterra Antiga, Antonio Casal e Rubén Labisbal, presentáronnos primeiro algúns aspectos históricos sobre a orixe da ermida para, a continuación, indicarnos a situación dalgunhas das rochas que serven de lenzo para os gravados prehistóricos.

Os que están un pouco máis lonxe da ermida e presentan algunha dificultade para o acceso foron sinalados, en tanto que nos guiaron ata os que se atopan nas inmediacións da pequena capela integrada no imaxinario colectivo ferrolán.

Mostráronnos, xa que logo, os petróglifos aparecidos despois de que se realizaran traballos de deforestación e tala masiva nas parcelas que arrodean a ermida. Foran descubertos hai uns meses, a principios deste ano, polo Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos (GATT) e presentan 15 combinacións de círculos concéntricos e unha trintena de cazoletas.

As condicións de luz non eran as máis axeitadas pero, aínda así, todas as persoas asistentes puidemos ver algúns dos gravados. Tivemos así un acercamento ás colectividades humanas que estaban instaladas nestas terras hai máis de 3.000 anos.

En Muíño somos conscientes da inmensa curiosidade que espertan estas pegadas da nosa historia e procuraremos organizar algunha visita máis a este mesmo entorno e explorar as posibilidades de acercarnos a outros lugares da nosa comarca.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *