VI CERTAME DE TEATRO LOURENZÁ

Unha tarde con premio en Lourenzá

Crónica breve

O gran director de teatro Peter Brook, no seu libro de ‘La puerta abierta. Reflexiones sobre la interpretación y el teatro’ publicado por Alba Editorial dinos que “Os motivos polos que se pon unha obra en escena adoitan seren confusos…Existen miles de explicacións imaxinábeis, pero son secundarias en comparación coa cuestión fundamental: Conseguirá o tema expoñer unha preocupación ou necesidade esencial para o público?”

O grupo de teatro de Muíño, As muiñeiras do Vento, dirixidas por Agustín Bolaños, decidiu poñer en escena a obra de Agustín, ‘Heroínas cotiás’ que satisfai con exceso calquera dúbida sobre esa cuestión fundamental da que nos fala Peter Brook.

Armados coa valentía e ousadía de todas as integrantes do grupo, unha obra excelente, e o seu director en defensa da súa obra e compromiso co grupo, decidiron presentar a súa candidatura ao VI Certame de Teatro Concello de Lourenzá, interpretaron a obra dentro do calendario establecido e resultaron nomeadas para varias das categorías establecidas no Certame.

Coincidiu que o día establecido para a gala da concesión dos premios en Lourenzá, 21 de decembro, o grupo estaba comprometido a actuar en Valón, dentro do programa “Ferrol a escea” do Concello de Ferrol, polo que non podían acudir a abrigar coa súa presenza o acto e recoller os premios se, ao final, resultaban agrazadas.

Foi por iso que quen asina esta crónica foi, como presidente da Asociación, en substitución do grupo.

A tarde resultou interesante. Eu pasei frecuentemente por Lourenzá hai máis de 40 anos. Era o Concello que escollera para xantar nas miñas frecuentes viaxes entre Lugo e Viveiro que facía por aqueles tempos. As vías de comunicación non eran as mesmas que hoxe existen. O recordo era cálido e moi satisfactorio. O serán, dentro do que contei con tempo para percorrer o pobo, decorado cos motivos do Natal, serviume para volver a coñecer un pobo con preciosas estampas no solpor, entre lusco e fusco, do que xa tiña esquecido todo.

O acto foi acolledor, e áxil. Dirixiuno desde o escenario o “actor, contador, monologuista, tradutor… O que faga falta” tal e como el mesmo se describe na súa páxina de internet, Avelino González, que construíu un monólogo centrado en anécdotas do mundo do teatro, fundamentalmente galego, pero tamén de outros espazos xeográficos, e con algunha moi divertida da súa propia experiencia profesional, creando así o fío condutor da presentación de lectura de nomeados e a concesións de premios. A complicidade previamente establecida con Avelino, permitiu que tivésemos unha pequena (e ruidosa) participación no desenvolvemento dunha desas anécdotas que nos contou.

…E levamos un premio! O primeiro dos que foi entregado, o de Posta en Escena. E por iso que quixen abrir esta brevísima crónica coa cita de Peter Brook. O premio foi á Posta en Escena, e a decisión de poñer a obra en escena, descansa sobre un feito, máis ben sobre millóns de feitos perfectamente contrastados. Non foron nin reis nin raíñas, nin nobres nin exércitos en permanentes conspiracións e batallas, os que nos trouxeron desde os tempos inmemoriais nos que os seres da nosa especie empezaron a trabar a linguaxe, codificárona e convertérona en materia para facer arte e, facendo arte (e ciencia) mellorar a nosa capacidade expositiva e de reflexión. Foron, non soas, pero si principalmente, todas aquelas mulleres que fixeron todo o necesario para que a vida cotiá fora un pouco máis soportable, ou en todo caso, contribuíron de xeito decisivo a salvar os obstáculos que se presentaban a fin de que a historia se foxe realizando.

Recoñezamos o traballo excelente dos outros grupos que competían con nós. Esta é a relación dos premios entregados no VI Certame de Teatro «Concello de Lourenzá“: Premio Mellor posta en escena: “Heroínas Cotiás”, de Muiñeiras do Vento; Premio Mellor actor de reparto: Antón de la Fuente, de O’catre; Premio Mellor actriz de reparto: Iria Rei, de O’catre; Premio especial do Público: “O traballo de Andrea”, de Ollomao; Premio Lourenzo ao mellor actor: Benito do Condadés, de Ollomao; Premio Ana á mellor actriz: Miriam Bouso, de Ollomao; Premio Conde Santo á mellor representación: “O traballo de Andrea”, de Ollomao.

Resta dar as grazas ao Concello de Lourenzá que desenvolveu o Certame e nos acolleu na cerimonia de entrega dos premios. E a todas e todos os que, dalgún xeito, contribuíron para o seu acaído desenvolvemento.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *