V Encontro Audiovisuais no Muíño
O pasado venres, 15 de novembro, no Centro Cívico de Canido, tivo lugar o V Encontro Audiovisuais no Muíño.
Juanín Ares Gondell, muiñeiro e coordinador deste encontro, foi o encargado de presentar o acto. Grazas polo seu esforzo, dedicación e profesionalidade.
O primeiro bloque dedicouse a curtas de carácter documental:
Atlántico de plástico, realizada polo alumnado de 2º e 3º de ESO do IES Canido de Ferrol, dentro do programa Vidas Mariñeiras .
M-book de Cristina Esteiro e Carlos Quirós, integrantes da produtora ferrolá Corda Frouxa Esta curta , sobre o libro mecánico de Ángela Ruiz Carballos, ven de presentarse no Festival de Málaga.
O segundo bloque recolle obras de ficción e nel puidemos ver:
Room 8 de James W. Griffiths (VOS), gañadora do premio BAFTA 2014. Nela o autor quere convencernos de que aínda que Einstein dixo que Deus non xoga aos dados, parece que o diaño xoga con todo o que teña a man.
16 de decembro de Álvaro Gago, nominado ao Goya por “Matria”, e gañador con esta nova curta do VII Festival de Curtametraxes contra a Violencia de Xénero da Deputación de Xaén.
Visión de Peque Varela, vídeo clip premiado no último Festival de Cans. Nel a autora nos mostra a súa peculiar estética, esta vez nun traballo para Window Pane
Limbo de Dani Viqueira, primeira peza en solitario do coruñés , que leva xa un percorrido por festivais internacionais do xénero fantástico, sendo unha das curtametraxes con máis seleccións no último ano, co Premio do Xurado no Terroríficamente Cortos ou a Mellor Curtametraxe no Grimmfest de Manchester. Levou tamén o galardón a Mellor Guión Galego na última edición do Curtocircuíto, outorgado pola Asociación de Guionistas Galegos, e Premio do Xurado a Mellor Curtametraxe de Ficción no Festival de Cans.
A nena azul da naronesa Sandra Sánchez. Esta curta, a parte do percorrido que tivo en España, co premio Mestre Mateo, o Premio Luisa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade da Deputación, mención especial do Xurado Planeta GZ e o Premio Crea á mellor dirección galega no Curtocircuíto International Filme Festival, estivo xa en festivais como o ONE Country, ONE Filme, en Apchat-Isoire, Francia e o Festival de Cinema Internacional de Edimburgo, en Turquía
Madre de Rodrigo Sorogoyen, obra que recibiu máis máis de 100 premios, obtendo o Goya a Mellor Curtametraxe e sendo nomeado ao Óscar na mesma categoría. Coincidindo coa súa presentación neste V ENCONTRO de AUDIOVISUAIS NO MUÍÑO, estreouse a longametraxe que, co mesmo nome, da continuidade a esta historia
O público seguiu con gran interese as diversas proxeccións celebrando con aplausos o fin cada unha delas.
O traballo de Juanín e o dos seus olleadores, como quixo resaltar na presentación, permitiunos gozar en Canido dunha variada mostra do que se está facendo no mundo audiovisual. Partindo do local, a selección deste ano excedeu este marco con incursións no internacional.
Esperamos con impaciencia o próximo ENCONTRO
GALERÍA DE FOTOS