RAFA AGUIRREBENGOA: UNHA MEMORIA QUE SEGUE VIVA
RAFA AGUIRREBENGOA: UNHA MEMORIA QUE SEGUE VIVA
O Centro Cívico de Canido encheuse para lembrar a Rafa nunha homenaxe que foi dos afectos á reivindicación e que rematou con todo o público cantando Grândola, Vila Morena.
O pasado 16 de outubro, familiares, amizades e compañeiros reuníronse no Centro Cívico de Canido para render homenaxe a Rafa Aguirrebengoa, nun acto organizado por Muíño do Vento, a Asociación Veciñal de Canido e a Sociedade Cultural e Deportiva Canido.
Os recordos da sua familia, dos seus compañeiros de Muíño e de loita política e sindical foron debuxando a súa figura, acompañados de poesía, música, teatro e vídeos das súas intervencións no programa de radio Unha tarde no Muíño. A homenaxe foi medrando desde a lembranza máis íntima ata o compromiso público: a cultura, a loita sindical, a guerra e Palestina. Porque lembrar a Rafa era tamén volver sobre as ideas e as causas que marcaron a súa vida.
O momento final chegou con Grândola, Vila Morena. Todo o público cantou unido, nun peche cheo de emoción que resumiu o espírito da xornada: a memoria compartida, os afectos e a vontade de manter vivas as súas loitas.
Despois, o brinde no ambigú prolongou o encontro. Rafa xa non estaba alí, pero a súa voz, as súas ideas e a pegada deixada en tantas persoas fixeron que, por unhas horas, a súa memoria volvese reunir a Canido arredor del.
