PRESENTACIÓN DO LIBRO O EXTRAÑO CASO DA BICICLETA AMARELA

PRESENTACIÓN DO LIBRO O EXTRAÑO CASO DA BICICLETA AMARELA DE HENRIQUE DACOSTA

A pesar da chuvia que caía en abundancia nos momentos previos á presentación do libro de Henrique Dacosta, a sala que acolleu o acto chegou a encherse igualmente. En forma de diálogo, o xornalista Xose Fandiño actuou de guía, realizando primeiro unha breve exposición biográfica do autor, para  posteriormente formularlle a primeira das cuestións: o porqué deste novo libro. Dunha parte, a necesidade de querer tentar fixar tres textos previos xa editados con anterioridade co fin de non se dispersaren, e doutra, a publicación dos seis restantes, cuxa fasquía é nova, alén da incursión por vez primeira no teatro, coa inclusión dunha pequena peza dramática, que é o texto que fecha o libro, foi o seu principal argumento. Así mesmo, o título desta nova publicación, O estraño caso da bicicleta amarela, serviu para falar acerca do conto do mesmo título e chegar á conclusión de que moitos relatos nacen, á fin e ao cabo, de situacións episódicas reais, que son o núcleo central ou xénese deles, para logo desenvolver toda unha ficción de maior ou menor extensión, en que o realismo, o mundo onírico, así como o noso ser máis antropolóxico se van entretecendo. Falouse da técnica da escrita narrativa, sobre todo do xénero curto, tamén da novela, e aínda houbo tempo para algún dos asistentes poder formular algunha pregunta. O acto terminou coa sinatura por parte do autor de exemplares do seu libro, o cal puido ser adquirido na mesma sala grazas ao servizo de venda instalado pola Libraría Galiano.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *