Presentación do libro de Manuel Monge “Guía para non perderse en política”

O xoves 17 de outubro, no Centro Cívico de Canido, invitamos a Manuel Monge, autor do libro Guía para non perderse en política. 120 realidades silenciadas, a presentarnos o seu contido.

Presentou o acto e ao invitado, Rafa Aguirrebengoa, que fixo fincapé na figura de Manuel Monge en canto mestre e sociólogo “en acción”. Destacou o empeño do autor en ensinar a pensar utilizando os dos instrumentos e as capacidades das que dispoñemos: A nosa capacidade crítica, a nosa capacidade para buscar a información necesaria para conformar unha opinión sobre as cousas e o noso bon xuízo para deixarnos asesorar por aqueles que foron quen de gañarse a nosa confianza.

Manolo Monxe, debullou algunhas das realidades das que trata no seu libro, explicándonos previamente que se trata dun traballo que, compilado por un só autor, reúne en realidade o esforzo de decenas de persoas e medios de comunicación que foron quen publicaron os datos a disposición de quen se puxera a agrupalos. Tamén nos contou que unha boa parte dos contidos previstos quedaron á espera en favor das realidades escollidas para ser expostas neste volume.

O traballo de Monge, é un traballo minucioso que agrupa multitude de datos sobre cada un dos aspectos que toca. Denunciou especialmente a represión nos espazos da epública española na que en realidade non houbo guerra. Na Galiza non houbo excesos por ambas partes en liza. Houbo un xenocidio premeditado con máis de 7.000 persoas asasinadas.

Resaltou o papel de Manuel Fraga Iribarne, o “Camarada Fraga” durante o franquismo e nos últimos anos da ditadura. Citou o extraordinario caso de autocensura de moitos medios de comunicación que se esforzaron en facer inaccesibles as fotografías de Fraga co uniforme fascista do partido único (Movemento Nacional) e mesmo co brazo en alto saudando ao estilo fascista. Resaltou que aínda que se lle retirou a condición de fillo adoptivo en Ferrol, primeiro Concello en facelo, ségueo a ser da Coruña (e outros moitos concellos).

Foron decenas de datos e anécdotas os que se citaron ao longo da intervención de Manuel Monge facendo boa a idea de que é necesario coñecer a fondo a realidade para poder transformala. Idea esta que está presente no pensamento da esquerda, cando menos, desde a primavera de 1845, cando un xove filósofo alemán, Karl Marx, escribía 11 tese sobre outro filósofo da mesma nacionalidade (Ludwig Feuerbach) e se expresaba así na undécima: “os filósofos só fixeron interpretar de diversos xeitos o mundo, pero do que se trata é de transformalo”.

Manuel Monge fuxe da escolástica, esa forma dogmática de expoñer o coñecemento. Se acerca á realidade que quere estudar, recolle todos os datos que pode e, con pensamento crítico, presenta as conclusións ás que nos conducen todos eses datos. Pensamento pegado á realidade e estudo polo miúdo das realidades que se queren transformar. Socioloxía e docencia en acción.

 

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *