Presentación do libro de Antón Cortizas «Non trabes na ligua»

O luns día catro de marzo tivo lugar no centro cívico de Canido a presentación dun novo libro de Antón Cortizas. Trátase do que leva por título Non trabes na lingua, que versa sobre trabalinguas e dicires semellantes.

O acto contou coa presencia de Rafael Aguirrebengoa, por parte da ASC Muíño do Vento, que presentou ao autor, e a Francisco Castro, director da editorial Galaxia, que editou o libro e que estaba presente no acto. A súa intervención centrouse na obra do autor, facendo referencia tamén a outros títulos editados tamén por Galaxia.

Pola súa parte o autor explicou a orixe da obra e a súa estrutura, contando esta cunha primeira parte de trabalinguas de creación do autor; unha segunda parte dunha selección de trabalinguas da tradición oral; unha terceira parte que contén sete trabalinguas doutro tanto alumnado de quinto ano de ensino primario do CEIP Unión Mugardesa de Mugardos, que participaron co autor, mestre dos mesmos, durante o curso 97/98. Deste mesmo alumnado, o autor presentou algúns anacos dunha gravación realizada, formando parte dunha actividade escolar de recolla de trabalinguas da tradición oral de Mugardos.

O libro conclúe cun cuarto capítulo que baixo o título de «Trabalinguas inventados por ti, porque tes unha lingua que quere que xogues con ela sen fin», presenta unhas follas en branco para animar á persoa lectora a argallar novos trabalinguas e incorporalos ao libro.

O autor distribuíu entre o público uns papeis con cadanseu trabalinguas, para que nun momento do acto se prestasen a recitalos de memoria ou lelos de forma rápida. Entre eles sorteouse un exemplar do libro.

Con isto completouse o acto, que contou con numeroso público -o local estaba cheo-, que polo que parece non se aburriu.

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *