Presentación da exposición de Pedro Guimarey Filgueiras

O xoves 13 de decembro, no Centro Cívico de Canido tivo lugar o acto de presentación da Exposición que a ASC Muíño do Vento realizou sobre a egrexia figura de Pedro Guimarey Filgueiras.

Rafa Aguirrebengoa, Chus Guimarey, Chus Prieto, Carmen Cuesta e Suso Basterrechea van dirixirse dende a Mesa a unha numerosa asistencia. O recoñecemento da figura de Pedro Guimarey vai ser o cerne das súas manifestacións.

Rafa Aguirrebengoa, en representación da ASC.  Muíño do Vento,  fai un percorrido pola biografía de Guimarey . Mais tamén polo seu compromiso que o levou a estar na militancia social, política  e cultural, sobre todo nos anos da Segunda República (1931-1936). O Holocausto vai gañadar a vida de Pedro un 20 de Setembro do 36, abatido nos muros do Cemiterio de Canido.

Chus Guimarey, sobriño de Pedro, amosa  emocionado a satisfacción de ver recoñecida a figura do seu tío, despois de tantos anos no esquecemento. Logo de lembrar os actos do xoves 20 de xuño, e verse agora abraiado por esta Exposición, fai mostra de agradecemento, no seu nome e no da familia, ao Concello e a Muíño do Vento.

Chus Prieto, Directora do Grupo de Teatro do Muíño vai centrar as súa intervención na aportación literaria de Guimarey. Logo de lembrar as persoas que co seu teimoso traballo  fixeron posible a gravación   de Pepa Andrea, segue, facendo análise do valor desta obra teatral . Análise dende o punto de vista literario e tamén dende os valores que a obra contén. Pásase logo, a escoitar a gravación do Auto primeiro, cadro primeiro de Pepa Andrea.

Suso Basterrechea, Concelleiro de Cultura, logo de falar das dificultades que as veces teñen as relación entre Concello e Asociacións Cidadáns, recoñece o valor de actuacións semellantes á presentada neste acto. Referencia a primar sempre os valores da vida en contra da exaltación da morte.

Carmen Cuesta, Presidenta da ASC Muíño do Vento, vai rematar o acto traendo a Pedro Guimarey  diante da cidadanía alí presente para teimar na necesidade de lembrar sempre  o que el onte representaba e hoxe segue a representar.

Finalizada a presentación, fíxose un percorrido pola Exposición. Arredor de trinta paneis van presentando a biografía, costumes e afeccións , amizades, compromiso político e social, obra literaria … e acta de fusilamento .

Canido 13 Decembro 2018 .En Lembranza de Pedro Guimarey Filgueiras.

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *