NEOFALANTES NO MUIÑO
NEOFALANTES NO MUIÑO
Desde o 2 de febreiro, en Canido fálase máis galego. César Pita e Antón Cortizas puxeron a andar Galego para neofalantes, unha actividade pensada para persoas maiores de 16 anos que, ben por descoñecemento, ben por inseguridade, non se atreven a falar galego.
En Galego para neofalantes, as persoas participantes atopan un lugar para botarse a falar sen cancelas e gañar confianza na súa lingua.
O grupo reúnese todos os luns ás 19:00 na biblioteca do Centro Cívico de Canido. Os docentes Antón Cortizas, César Pita, Henrique Dacosta e Rubén Amado traen un tema de conversa de cada vez.
Desde que comezou a actividade en febreiro, xa falaron de cantareas populares, de compañeiros de traballo, de momentos históricos vividos, do mapa de Galiza, das nosas vidas…
Desde o comezo, a actividade foi un éxito.
As sesións, que ao comezo duraban unha hora, xa superan a hora e media; e mesmo moitas das persoas participantes quedan no Ambigú media hora antes para tomar o café. Xente que chegou a actividade sen atreverse a presentarse xa saíu en Unha tarde no muíño recitando a Rosalía.
E é que a xente ten gana de falar!
