Homenaxe a Pedro Guimarey Filgueiras
O xoves 14 de xuño Muíño do Vento, coa colaboración do Concello de Ferrol celebrou unha homenaxe ao político e escritor ferrolán Pedro Guimarey Filgueiras (1905-1936), fusilado ao principio da Guerra Civil por un grupo de falanxistas.
Ás 19.00 horas o alcalde de Ferrol, descubriu unha placa na súa memoria na esquina das rúas Rubalcava e María, preto de onde naceu o xornalista ferrolán.
A continuación, tivo lugar un emotivo acto no Centro Cívico de Canido no que interviñeron: Jesús Guimarey Mascaró, en representación da familia; Antonio Casal Velázquez, Rubén Labisbal Pérez e Manuel Pita Gómez, estudosos da figura do escritor e político ferrolán; Catuxa Pita, que co seu acordeón nos recordo o amor de Guimarey pola música; o grupo de teatro de Muíño do Vento, cun fragmento dramatizado de Pepa Andrea, a obra de máis calado do autor; e Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, que nos recordou que con actos como este “o pobo de Ferrol honra a memoria das persoas que deixaron a súa vida na defensa da legalidade vixente e da liberdade na Segunda República”.
Este acto inicia unha serie de conmemoracións, organizadas por Muíño, que continuarán no mes de setembro, aniversario do seu asasinato con múltiples actividades (exposición sobre a súa figura, edición facsímile e publicación dun audio-libro de Pepa Andrea).
Lembrámosvos a todos que Muíño ten aberto un Crowfounding para poder financiar estas actividades.
GALERÍA DE FOTOS