Festa do III Certame literario escolar «Inventa unha Flor»

Xunto coa entrega do III Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, o día 3 de maio tivo lugar a festa de entrega de recoñecementos do III Certame Literario Escolar Inventa unha flor.

As alumnas do IES Canido Claudia Gallego Sixto e Marina González Estévez presentaron o acto, que contou coa presenza dun numeroso público formado na súa maioría por alumnado e profesorado dos centros educativos participantes -IES Canido, Colexio San Rosendo, CEIP Cruceiro de Canido e CEIP Juan de Lángara-, así como por familiares dos alumnos agasallados.

Dos moitos traballos que os alumnos fixeron en cada un dos catro centros, escolléronse dous para ler publicamente na festa. Ademais, os doce mellores traballos que cada centro escolleu para formaren parte dun libro electrónico tiveron tamén o seu recoñecemento mediante un diploma e unha medalla comemorativa, obra da ceramista Susana González Amado.

Ademais das magníficas lecturas dos traballos, pasaron polo escenario o Grupo de baile tradicional Mario Escudero, que tamén nos acompañou nas dúas edicións anteriores; o Colectivo Máxico Lorc & Julit, que encheu de maxia o acto; o Coro de nenos e nenas participantes no Certame Inventa unha flor, que interpretaron Valse da primavera e Maio Maio, dirixidos polo profesor do Colexio San Rosendo, Carlos Díaz e acompañados ao acordeón por José Ramón Caamaño, e pechou o acto o dúo Bite the Soul, que preparou un repertorio adaptado especialmente para a festa.

Flores e xestas que se repartiron ao público, e a elaboración dun Maio ao pé do escenario, contribuíron a celebrar a festa dos Maios, tradicional no barrio de Canido. Xunto coas diferentes actuacións e os relatos e poemas, converteron a xornada nunha festa inesquecible.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *