Festa de entrega do III Premio «Muíño do Vento» de Textos de Contraportada
Despois duns días chuviñentos, o 3 de maio luciu o sol para acompañar a festa de entrega do III Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, que, xunto coa entrega de recoñecementos de III Certame Literario Escolar Inventa unha flor, tivo lugar frente ao novo Centro Cívico de Canido.
As alumnas do IES Canido Claudia Gallego Sixto e Marina González Estévez presentaron o acto, que contou coa presenza dun numeroso público entre o que cómpre destacar o alumnado dos centros educativos que participan no Certame Inventa unha flor, que viviron unha xornada literaria e festiva, obxectivo do premio.
Fernando M. Cimadevila, escritor compostelán que tamén gañou a primeira edición deste certame, mereceu o premio –consistente na peza representativa, obra da ceramista Susana González Amado- polo texto de contraportada da súa obra xuvenil Acariciando o ceo, que di así:
Nunca podería imaxinar os segredos que ocultaba o caderno de viaxe do meu irmán, nin a fonda pegada que deixara ao seu paso polo Nepal. Baixo a tremelucente luz das chamas, percorrín coa vista aquel traxecto, espertando na miña mente imaxes de lugares que só vira nos libros: Kathmandú, Namche Bazaar, a aldea de Dingboche… As súas palabras, como ecos do pasado, espertaron en min a necesidade de ir tras dos seus pasos. O Himalaia custodiaba a verdade sobre o que acontecera, un misterio cuxas claves residían naquel diario polo que algúns estaban dispostos a matar. Así comezou unha aventura que cambiaría as nosas vidas, coa esperanza de acadar ese cumio, onde á fin, poderiamos alzar a man e acariciar o ceo.
Polo escenario pasaron o Grupo de baile tradicional Mario Escudero, que tamén nos acompañou nas dúas edicións anteriores; o Colectivo Máxico Lorc & Julit, que encheu de maxia o acto; o Coro de nenos e nenas participantes no Certame Inventa unha flor, que interpretaron Valse da primavera e Maio Maio, dirixidos polo profesor do Colexio San Rosendo, Carlos Díaz e acompañados ao acordeón por José Ramón Caamaño, e pechou o acto o dúo Bite the Soul, que preparou un repertorio adaptado especialmente para a festa. Ademais destas actuacións, houbo lectura de traballos do Certame Inventa unha flor por parte de alumnos dos catro colexios participantes: IES Canido, Colexio San Rosendo, CEIP Cruceiro de Canido e CEIP Juan de Lángara.
Centros educativos, profesorado, alumnado, artistas, a Asociación de Veciños de Canido… todos contribuíron con entusiasmo a que, un ano máis, a palabra adquirise protagonismo e a nosa Literatura Infantil e Xuvenil se fixese máis visible. A todos eles, o noso agradecemento.
GALERÍA DE FOTOS