Documental «As silenciadas» por Bernardo Maiz Vázquez
Continuando a tarefa de dar a coñecer e espallar a nosa verdadeira historia, o xoves 5 de marzo presentamos o documental “As Silenciadas”.
Esta presentación foi dirixida por Bernardo Maiz Vázquez, ferrolán, doutor en Historia Contemporánea e precursor, xunto con Hartmut Heine, dos estudos sobre o movemento guerrilleiro antifranquista en Galicia, ademais doutros numerosos traballos de ensaio e narrativa.
“As Silenciadas”, dirixido por Pablo Ces e con guión de Aurora Marco, recolle a historia de numerosas mulleres que dende a clandestinidade participaron no movemento antifranquista en Galicia. O seu papel foi fundamental na supervivencia deste movemento de resistencia, e cómpre coñecelo.
Preto dunha hora de emocións contidas, ao escoitar relatos dunha infinita tristura e inmensa dignidade. A figura de Chelo e as súas compañeiras foi coñecida e comentada polo público alí presente. Dende Muíño do Vento seguiremos a divulgar e espallar a nosa historia cara ao seu coñecemento e o recoñecemento de tantas heroínas Silenciadas.
Presentes no acto, convidadas pola ASC MUÍÑO DO VENTO, estiveron veciñas nosas, loitadoras pola democracia que, no medio da persecución, foron quen de enfrontarse á ditadura. Loitaron na fábrica, na escola, no barrio, na casa, alí onde fose necesario. A forza da súa dignidade fixo virar a historia. Mulleres exemplares onte, hoxe e referencia para sempre.
Os nosos libros escolares terían que estar cheos de nomes como os das nosas veciñas Rosario, Maruja, Marichi, Fina…; como debían recoñecer a Enriqueta ou Amada.
Dende a nosa Asociación quixemos darlles as grazas e expresarlles o noso cariño e recoñecemento, que é o de toda a xente de ben. Heroínas do Silencio, poema que con tanta emoción recitou Marichi, foi o resumo dos sentimentos que quixemos amosar ás nosas convidadas.
GALERÍA DE FOTOS