Conferencia Galegos en Mauthausen

O venres 15 de febreiro, no local da Sociedade Galega de Historia Natural, logo dunha emotiva e motivadora introducción feita por Carmen Cuesta García, profesora de Historia do IES Canido, o historiador Enrique Barrera presentounos o seu último traballo publicado “Galegos en Mauthausen”.

Na súa conferencia, amplamente ilustrada con imaxes, fixo un percorrido pola historia dos galegos que, unha vez rematada a Guerra Civil, acabaron no campo de concentración nazi. Como chegaron alí? Como sobreviviron uns e outros morreron? Que pasou cando chegaron os aliados ?.

A segunda parte consistiu nun esbozo das vivencias persoais dos vinteún presos galegos da comarca de Ferrolterra, así coma da reconstrución do seu entorno familiar no exilio por parte dos sobreviventes.    Segundo Barrera, o obxectivo deste proxecto foi “botar luz sobre esta vergoña, saber cantos eran, como remataran en Mauthausen ou Buchenwald, identificar os seus familiares e coñecer como viviron este drama nunha ditadura que antes lles negaba o dereito a chorar os seus mortos e agora nunha democracia onde teñen que escoitar voces que cualifican de vinganza a recuperación da memoria histórica e a dignificación das súas vítimas”.

O historiador quixo facer especial énfase en como estes presos souberon manter vivos valores como a xustiza, a amizade, a solidariedade. os mesmos que hoxe tanto necesitamos para facer fronte a estes tempos de crise e tebras que estamos a vivir.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *