Conferencia «Enerxías renovables; Alternativas de futuro» de Camilo Casal e Juan Oruezabala
Continuando as actividades programadas no Obradoiro Medioambiental, o pasado xoves 6 de abril, no local de Muíño do Vento, Juan Oruezabala e Camilo Casal impartiron a conferencia “ENERXÍAS RENOVABLES. ALTERNATIVAS DE FUTURO”.
Como cerne do seu relatorio, expuxeron a inevitabilidade de buscar unha saída ao imprevisible cambio climático que xa se está a manifestar, por moito que a interesada ignorancia dalgúns dirixentes mundiais pretenda negalo.
Cales son as razóns deste cambio climático? Cales son as consecuencias e, aínda máis, cales poden ser no futuro? Existen alternativas ao cambio climático? Que razón hai para non mirar cara ao futuro e botar a andar estas novas alternativas?
Expuxeron os relatores os moitos intereses das grandes empresas do sector eléctrico, que, dominando o actual mercado de produción usando enerxías suxas (subvencionadas en todo o mundo incluída a UE), non queren dar paso a outras enerxías limpas e fórmulas democráticas de produción eléctrica. Formas novas de produción: solar, eólica, biomasa, hidráulica, xeotérmica…; en definitiva, as necesarias ENERXIAS RENOVABLES. Estas alternativas de produción e xestión veñen sufrindo ataques desde os gobernos (período 2008-2016) e desde a actual patronal do sector que, sen a competencia de mercado que suporían as enerxías renovables xestionadas democraticamente, veñen aumentando ano tras ano os seus obscenos beneficios.
Rematou a conferencia co plantexamento da necesidade da presión cidadá para facerlle fronte aos poderosos lobbys que, controlando gobernos e medios de comunicación, e propiciando portas xiratorias, impiden o avance na instalación, uso e nova xestión das enerxías renovables.