Charla «Xogos tradicionais en Canido» por Antón Cortizas
O mércores 19 de xuño, na sede da Sociedade Galega de Historia Natural, o mestre e escritor Antón Cortizas deu unha charla titulada O xogo tradicional en Canido.
Sobre a base do seu libro Chirlosmirlos, enciclopedia dos xogos populares, foi enumerando aqueles que recompilou a súa memoria e a do público asistente. Participaron activamente dúas amigas súas, compañeiras de xogos da infancia, que recordaron episodios dos xogos no barrio.
Ocupou boa parte do acto o cadro Xogos de nenos, pintado en 1560 por Pieter Brueghel o Vello, no que aparecen ducias de xogos perfectamente recoñecibles hoxe en día, o que lle serviu a Antón para demostrar que os xogos, fóra das variantes que produce a cultura e os recursos, son universais.