AS MUIÑEIRAS DO VENTO, ENTRE REPRESENTACIÓNS E RECOÑECEMENTOS TEATRAIS

O mes de setembro deixou dúas citas importantes para As Muiñeiras do Vento, que continúan a súa andaina teatral levando as súas obras a novos escenarios e participando en iniciativas que poñen en valor o teatro afeccionado.

O día 18 de setembro, o grupo representou A farsa de Inés Pereira no Teatro de la Juventud de Cecebre, parroquia do concello de Cambre, dentro do programa Alicerce da Deputación da Coruña. A acollida, tanto por parte da organización como do público, foi magnífica, deixando un moi bo sabor de boca entre os integrantes do grupo.

Ademais, esta visita traerá consigo un novo encontro teatral, xa que o grupo de Cambre Camtheam visitará proximamente Canido para representar a súa obra Veredicto no marco do Finde Teatreiro. Unha oportunidade para seguir estreitando lazos entre compañías e compartir a paixón polo teatro.

Ao día seguinte, o 19 de setembro, As Muiñeiras do Vento desprazáronse ao Teatro Colón da Coruña para asistir á entrega de premios do I Certame Teatral Manuel Lorenzo, organizado por FETEAGAL. O grupo chegou á gala con varias candidaturas: Agustín Bolaños, director da compañía, foi nomeado, mentres que A farsa de Inés Pereira optaba ao premio á mellor adaptación de guión e Heroínas cotiás, ao de mellor dirección.

Nesta ocasión, os premios non viñeron para casa, pero as nominacións supoñen un recoñecemento ao traballo realizado e un motivo máis para continuar avanzando. Porque no teatro, como na vida, cada experiencia conta e aínda quedan moitos escenarios por pisar, historias por contar e novas oportunidades por celebrar.

As Muiñeiras do Vento seguen así adiante, con ilusión, traballo e ganas de compartir o teatro co público. Que continúe a función!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *