X Aniversario de Muíño do Vento

Pequena crónica do xantar do 23 de abril

Foi un 25 de abril cando a nosa Asociación constituíuse legalmente. Unha afortunada coincidencia que nos permite celebrar e conmemorar todos os anos a nosa fundación e o “25 da avril”, aniversario da “revolución dos cravos”. Se ata agora organizábamos unha cea de irmandade, salvo estes dous anos de pandemia que viñeron a interrompelo todo, este ano decidimos celebralo cun xantar na Sociedade Deportivo Recreativa de Canido, Sociedade irmá que nos ten prestado en máis dunha ocasión o seu apoio para facilitar o noso funcionamento.

Nada mellor que pasar o tempo en boa compañía, con excelente comida e algunha que outra canción (entonada con mellor ou peor fortuna, que non todos temos o mesmo sentido da música). Pódese ver nas fotos do xantar o clima de irmandade no que transcorreu o acto.

Celebrabamos dez anos de andaina, de irmandade e de traballo común, de esforzos compartidos para colaborar no quefacer dun barrio empeñado en crear identidade de seu. De inmersión no tecido asociativo do barrio e de modesta contribución a esa aspiración compartida de conformar unha identidade que descanse sobre o millor que ten construído Galicia: a súa lingua e cultura como fondo sobre o que tecer unha sociedade máis igualitaria, unha rede na que cada persoa vela por todas aquelas outras que constitúen a súa veciñanza.

Día a día transcorreron estes dez anos. Non todas as persoas que participaron no proxecto puideron chegar ata aquí. Recordámolas con agarimo. Contemos con un futuro luminoso que transcenda os noso límites individuais. Moitos 25 de abril han vir.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *