VI ENCONTRO DE AUDIOVISUAIS NO MUÍÑO
VI ENCONTRO DE AUDIOVISUAIS NO MUÍÑO
Despois dun parón de dous anos Muíño do Vento retomou o Encontro de Audiovisuais no Muíño do que este ano celebramos a VI edición,
Estivo centrada nos traballos escolares gañadores de concurso “Que sucedeu en Ferrol o 10 de marzo de 1972?” convocado pola Fundación 10 de marzo para celebrar o 50 aniversario dos sucesos que que aconteceron na nosa cidade nesta data e que son conmemorados como “Día da clase obreira galega”.
O mércores 25 e o xoves 26 de maio visionamos unha serie de curtametraxes que desde formatos moi diferentes abordan estes acontecementos.
Na primeira xornada comezamos co traballo do IES Carvalho Calero que nos mostrou un documental, estritamente historiográfico, no que partindo de entrevistas co historiador Enrique Barrera e con Rafael Pillado, un dos protagonistas directos, analizan non solo os sucesos do 72 se non tamén o contexto socioeconómico no que se atopaba este pais nese momento. Vimos despois o traballo ”1972,10 de marzo” no que alumnado do IES Canido dramatizou os sucesos do 72 usando como soportes textos literarios de Darío Xoán Cabana, Manuel María e Uxío Novoneyra. Rematamos cun rap composto por cativos do IES de Mugardos
A segunda xornada vimos dúas curtas que, a partir de entrevistas, trataron aspectos concretos do ocorrido no 72. En “as mulleres no 10 de marzo” un grupo de alumnas do IES Canido fan un percorrido por tres xeracións de mulleres para poñer en valor o papal, as veces esquecido, que estas xogaron na loita antifranquista. Por último, en “19 de marzo de 1972, Que ocurriu, como nolo contaron”, de novo, alumnado do IES Canido achégase aos sucesos do 72 desde tres percepcións distintas pero complementarias, a dos suxeitos directos da revolta, a relación entre traballadores de ámbolos dous lados da ría, e a da cidadanía perplexa, temerosa e solidaria que abriu os ollos diante da crueldade da Ditadura.
As curtametraxes, defendidas polo alumnado e en debate cos asistentes, gozaron da entusiasta aceptación do público. A satisfacción foi xeral. A semente quedou plantada.