SINERXIAS
SINERXIAS
O pasado xoves 12 de decembro, xentes de Muíño do Vento achegámonos ao Museo do Humor de Fene para visitar a Exposición SINERXIAS.
Comezo da visita guiada coa presentación dos artistas autores desta Exposición, Malena Carballo, Juan Sobrino e Ladislau Da Regueira que explican as razóns do título que da nome a esta Exposición. SINERXIAS é o resultado dun traballo solidario, en común, fraternal… mais con distintas aportacións e visións estéticas.
Unha Exposición, tres artistas que, como prólogo fan defensa do traballo manual, do deseño, da nova estética, da Bauhaus, dos Haikus, dos distintos materias como proposta de traballo: pintura, fotografía, materiais de uso cotián nas nosas casa e, ata incluso materiais de refugallo .
Juan Sobrino presenta as súas pinturas como obras concibidas nun longo traballo reflexivo que remata en pintura en cadros. Cadros onde prima a admiración pola cor reelaborada e, polo cadrado como formulación estética perfecta. Abstracción e definición do autor como admirador de Mondrian e as súas liñas, cadros e cores.
Malena Carballo explica a súa técnica de pintar coa cámara. Barridos e cámara en movementos que rematan en composicións que, pola súa luminosidade, polo contraste de luces e sombras e pola preferente temática mariña, fan lembrar a J. Sorolla. Temática mariña con Doniños no obxectivo da cámara.
Ladislau Da Regueira fai unha proposta de reelaboración do material cotián. Reelaboración como proposta ideolóxica que reverte tamén en proposta estética. Paraugas, tubos de ensaio, cepillos de dentes, plásticos,…van mudar en novas propostas estéticas para levitar no teito da sala de exposicións.
Fóra invernía. Dentro Sinerxías e unha agradábel visita guiada que nos achegou aos nosos artistas e novas proposta artísticas. Obrigadas!