Presentación do último libro de Antón Cortizas Amado

O pasado mércores 20 de decembro, ás 20:00 horas, o Centro Cívico de Canido e a nosa asociación, Muíño do Vento, vestíronse de gala e ledicia para recibir un novo agasallo do bardo de Canido, o muiñeiro Antón Cortizas.

Ese dia presentamos no Centro Cívico de Canido o último libro de Antón Cortizas Amado, editado pola editorial Galaxia que, desde o 25 de xullo de 1950 está presente no panorama cultural galego, conformándoo e formando parte indispensable del, tendo publicados máis de dous mil libros en galego e a revista Cadernos Grial.

A editorial estivo en esta ocasión, representada por Arturo Ponte, delegado de zona.

Tivemos ocasión de presentar esta nova andaina editorial, cun libro que inicia a colección Libros para compartir.

A presentación do acto correu pola conta de Rafa Aguirrebengoa quen comentou algún dos aspectos que lle chamaran a atención no desenvolvemento do libro: a presentación dos diferentes niveis de coñecemento infantil (por un lado a sabedoría compartida en permanente transformación, enchendo ocos, afinando conceptos e introducindo continuamente novos datos e certezas; e polo outro, a sabedoría individual capaz de introducir aspectos como a cálculo de conveniencias á hora de decidir a actitude final); a presenza de imaxes potentes que presentan a fantasía infantil e a visión do mundo dos nenos (escola como circo do crocodilo azul, o nariz dun pallaso, unha flor de papel coa palabra flor escrita sobre ela e dando así lugar a unha flor sobre a que pon flor, o papagaio de peluche verde que fala coma un papagaio ou a palabra máxica, de enorme poder simsalabim.

Están presentes tamén os xogos de equilibrio, formación e información que teñen que desenvolver os adultos na súa relación cos nenos e un mestre, só mestre, sen nome coñecido, encargado de converter a escola no lugar amable e de formación cultural e persoal que é.

Son moitos os elementos de reflexión que se presentan ao longo das historia que se narra. Así pensaremos na elasticidade do tempo e saberemos das pescudas por saber o que dura un minuto, das historias que se contan en silencio porque non son para ouvir senón para soñar, das escuridades que non permiten ver nada porque nelas síntese todo, todo, ou a permanente creación de hipóteses sobre o funcionamento do mundo, entre elas a da posibilidade de desnacer.

Despois da intervención de Antón Cortizas sobre a literatura infantil e xuvenil na súa relación coa actividade da creación literaria e a visión brillante do traballo de ilustración realizado por Lidia Nokonoko, quedounos a todos claro, entre outras cousas, que os nenos e nenas non se compran na feira de Mazaricos, nin os trae a cegoña, nin veñen de París, nin nacen debaixo dos repolos, nin tampouco son panadeiros que traían un molete debaixo do brazo. A verdade sábena Loaira, Brais e Iria, protagonistas da historia, e saberana todos os que se acheguen ao libro coa ilusión de ler e aprender.

Logo da precisa, detallada e acertada presentación de Rafa, o autor da deliciosa e didáctica obra, Antón Cortizas, agasallounos o ouvido lendo algúns fragmentos, ademais de poñernos unha pequena audición do cantante e poeta Leonard Cohen.

Foi un acto moi concorrido, como non podería ser doutro xeito dada a importancia e calidade do conferenciante e a súa obra; o cal ao rematalo acto dedicou e asinou exemplares.

Biografía do autor.

GALERÍA DE FOTOS

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *