III Encontros Audiovisuais no Muíño

O III Encontros Audiovisuais no Muíño aconteceu o xoves 15/12/2017 ás 19:30 no Centro Cívico de Canido.

A presentación correu a cargo do muiñeiro Juanin Gondell, que ademais é quen, co seu esforzo, dedicación e profesionalidade, consegue levar a cabo estes preciosos encontros audiovisuais.

Os nosos agradecementos e parabéns pola súa labor e entrega a Juanin, á Asociación Veciñal polo seu obradoiro infantil de curtas e por suposto ás rapazas e rapaces que participaron nel e que nos agasallaron cos seus traballos.

Como nos anos anteriores intentamos achegar aos veciños curtametraxes salientables que dalgunha maneira teñan que ver co barrio ou coa nosa bisbarra ou ampliando a escala coa provincia ou Galicia.

Esta programación deseñouse con tres bloques de curtas intercaladas con dous vídeo-clips do Colectivo Airiños do Cu, “Onde vai María del Mar” e “Temos un nhu na leira”.

O primeiro bloque dedicouse a curtas realizadas por autores infantís e xuvenís: por un lado proxectamos tres obras de fin de curso do Obradoiro infantil de curtas da AVV de Canido “O misterio da casa reformada”, “O paiaso asasino” e “A aparición”. Por outro lado, proxectamos “Cousas de vellos” (2016) realizada por alumnos de Audiovisuais do IES Terra de Trasancos que entre outras distincións obtivo o Premio FIC Bueu categoría de Ensino Secundario do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

O segundo dedicouse a curtas de baixo presuposto realizadas por autoras profesionais que participaron na Chanfaina Lab de San Sadurniño:

  • “Materia Prima” (2015) dirixida por Natalia Porca,  nada en Ferrol hai 22 anos, é escritora vocacional, cineasta ocasional e curiosa pola vida. Esta curta foi seleccionada na 7ª Mostra de cinema periférico de A Coruña.
  • “Próxima estación San Sadurniño” (2016) dirixida por Ángeles Huerta, nada en Xixón pero leva 16 anos residindo en Galicia. Doutora en Literatura comparada, tamén estudou na Met Film School de Londres onde rodou a curta “The Fetch” que percorreu con éxito varios festivais nacionais e internacionais, entre eles o de Cannes. No 2017 a súa longametraxe documental “Esquece Monelosgañou tres premios Mestres Mateo.
  • “Matías” (2016) dirixida por Sandra Sánchez, nada en Narón en 1970 está considerada como unha das cineastas máis relevantes do audiovisual galego. Guionista, realizadora e montadora de longa traxectoria na industria, acadou renome internacional coa multi- premiada longametraxe documental “Tralas luces seleccionada na sección Zabaltegi do Festival de Cine de San Sabastián.

O último bloque ocupouno a curtametraxe “Decorado” (2016) dirixida por Alberto Vázquez que foi Premio Goya 2017 á Mellor curtametraxe de animación.

Alberto Vázquez é un coruñés director de animación, ilustrador e debuxante de cómics. Ademais de Decorado recibiu o Premio Goya á Mellor curtametraxe de animación no 2012 por “Birdboy” e no 2017 á Mellor película de animación por “Psiconautas”.

Na produción de Decorado participou a ferrolá Chelo Loureiro con ampla traxectoria na industria audiovisual galega. O Concello de Ferrol recoñeceuna como Muller do ano 2017.

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *