Presentación do libro «O día que ao Carlos lle fora mal» de Henrique Dacosta

O pasado 24 de maio, xoves, ás 20:00h, no Centro Cívico de Canido, tivo lugar a presentación do último traballo publicado por Henrique Dacosta, “O día que ao Carlos lle fora mal” publicado pola Asociación Muíño do Vento.

Abriu o acto Rafa Aguirrebengoa que presentou ao dous protagonistas do acto, Antón Cortizas e o propio Henrique Dacosta, e manifestou o orgullo dos integrantes da asociación pola obra realizada, as publicacións editadas, as colaboracións coas que conta e a cantidade de complicidades que atopa en todas a súas actividades.

Antón Cortizas presentou a obra de Henrique, mostrando unha parte importante da obra xa realizada, e situouno no Canido da súa infancia, Canido compartido en tempos diferentes aínda que non moi alonxados. Un Canido que aporta a súa xeografía a unha multitude de experiencias compartidas ou non que conforman a viaxe desde a infancia para a xuventude.

Henrique Dacosta presentou o seu traballo, manifestando a súa preferencia pola clasificación de relato longo, sobre a de conto, termo excesivamente connotado por outros significados. Resaltou a vinculación co barrio na súa infancia reivindicando esa etapa, tal e como o fixera Rilke, como a patria (ou matria) de toda persoa.

Recoñeceu influencias narrativas, citando expresamente a Rafael Dieste e Eduardo Blanco Amor, e manifestou a súa identificación coa concepción do relato defendida e practicada por eses autores.

Explicou ao público asistente que no seu traballo narrativo hai unha vertente lexicográfica intimamente relacionada coa súa formación filolóxica. Trata de combinar a forza da narración coa rigorosidade e competencia léxicas.

Despois da súa intervención, animado en parte por Antón Cortizas, iniciouse unha serie de intervencións desde o público no que se rememoraron algúns aspectos do barrio anos atrás para centrarse finalmente nas opcións ortográficas do galego e a relacións entre as dúas variantes da lingua falada ao sur e ao norte do Río Miño.

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *