PRESENTACIÓN DO LIBRO MULLERES ESPONTANEADAS

PRESENTACIÓN DO LIBRO MULLERES ESPONTANEADAS

O xoves, 13 de abril, na biblioteca do Centro cívico de Canido, ás 20:00 horas, e por iniciativa das Asociacións Muíño do Vento, Ferrolterra Antiga e a Veciñal de Canido, presentouse o libro “Mulleres espontaneadas. Fraxilidade humana e cópula carnal nas comarcas do Eume e Ferrol (XVIII-XIX)”.

Angel Arcay Barral, autor do libro, é o director do Museo das Mariñas e o seu libro obtivo o premio HUME en ciencias sociais, convocado pola Asociación de Estudos Históricos e Sociais HUME dedicada a recoller o coñecemento científico e histórico das Pontes de García Rodríguez.

No seu libro recolle testemuñas notariais referidas a 555 mulleres que, quedando embarazadas sen estaren casadas, acudían diante dun notario para explicar as circunstancias nas que se produciu o seu embarazo, facelo constar rexistralmente e comprometerse, coa figura dun fiador (e nalgunhas ocasións, fiadora) pólo medio, a educar ao seu fillo conforme as normas do seu tempo.

A figura das “mulleres espontaneadas”, ou mais ben a da figura rexistral que a institúe, é unha singularidade xurídica que se da na Galiza e axúdanos a albiscar algúns aspectos relacionados coas condicións de vida das mulleres na sociedade galega nesa altura ofrecéndonos algunhas pistas sobre a sexualidade e as peculiaridades que a influencia da moral relixiosa ten na vida comunitaria. Mediante a “espontánea” inscrición notarial algunhas mulleres lograban burlar, ou cando menos, minorar, algúns dos peores efectos da rixidez normativa ditada polas autoridades civís e relixiosas no seu tempo.

Na presentación participaron a representante e editora de Baía edicións, Rafael Aguirrebengoa, presidente de Muíño do Vento, Antonio Casal de Ferrolterra Antiga, que copresentaron o acto e Ángel Arcay Barral que presentou a xénese, contido do seu libro, e tamén a traxectoria que está a desenvolver e a curiosidade (ou asombro) que esperta a figura das “mulleres espontaneadas”.

Comunicounos ademais, e pode ser de interese para todos os que non puideron acudir á presentación, que está invitado a facelo na Feira do libro que terá lugar en Ferrol entre os días 21 de abril, venres, e o domingo, 23 de abril.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *