Presentación do libro “Maios en Canido e Canido en Maios» de Ánxela Loureiro Fernández
Alá ven o Maio
disposto a cantar
as cousas que pasan
e que van pasar.
Alá ven o Maio
alá ven florido
alá ven o maio
todo é colorido.
Este pasado martes, dia 21 de decembro, ás 20:30 h, no salón de actos do Centro Cívico de Canido, presentouse o Caderno 33 de “FerrolAnalisis” que leva por título “Maios en Canido e Canido en maio” de Ánxela Loureiro Fernández.
Prologaron o acto Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Pensa de Ferrol e Esperanza Piñeiro de San Miguel, directora de publicacións de “FerrolAnálisis”.
A continuación, Ánxela Loureiro realizou unha intervención na que expuxo as liñas básicas da investigación realizada para a elaboración do que ven a ser un magnífico libro que, á vez, recompila a historia dunha tradición, analiza as formas que foi adoptando no tempo, presenta as testemuñas recollidas entre a veciñanza do barrio e abre vías de investigación que propón para quen queira abordalas.
Pechou o acto Antonio Golpe, Concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, substituíndo a Àngel Mato, alcalde do Concello.
Finalmente todas as persoas asistentes foron agasalladas coa entrega dun exemplar do libro.