Presentación do libro «Juan García Niebla: Entre a innovación pedagóxica e o compromiso cidadán»
O día 28 de outubro, na sede da Sociedade Galega de Historia Natural, o escritor e historiador Guillermo Llorca presentou o libro Juan García Niebla: entre a innovación pedagóxica e o compromiso cidadán, traballo proposto por Muíño do Vento.
Llorca fixo unha escolma da vida e do labor de García Niebla, mestre exemplar e innovador.
García Niebla foi un dos pioneiros en Galicia á hora de renovar o anticuado sistema educativo, fomentando un ensino laico, humanístico, espertando novas sensibilidades e sacando o alumnado dos estreitos e fríos muros das aulas para poñelo en contacto co seu contorno natural e patrimonial, aínda a costa de chocar moitas veces con los defensores de la Escuela torturadora y asesina , en palabras do propio mestre, e coa burla e a incomprensión social.
O ronsel da súa práctica educativa vai estar guiado polos ideais rexeneracionistas da Institución Libre de Enseñanza, impulsados decididamente por Francisco Giner de los Ríos e por Manuel Bartolomé Cossío
Natural da vila da Graña, onde nace en 1875, exerce por vez primeira a docencia en Betanzos en 1895, despois de obter o título de mestre nacional. En 1902 funda a escola pública de Caranza, da que será director ata maio de 1914. Posteriormente imparte clases na escola de nenos de Serantes, en Ferrol Vello e Canido, ata o seu tráxico final como vítima da represión franquista de 1936.
[Anacos do libro Juan García Niebla: entre a innovación pedagóxica e o compromiso cidadán, de Guillermo LLorca Freire].