O GRUPO DE TEATRO «AS MUIÑEIRAS DO VENTO» ESTREAN NOVA PEZA TEATRAL NO CENTRO CÍVICO DE CANIDO

O GRUPO DE TEATRO «AS MUIÑEIRAS DO VENTO» ESTREAN NOVA PEZA TEATRAL NO CENTRO CÍVICO DE CANIDO

Este pasado sábado as Muiñeiras do Vento presentaron a súa nova peza teatral para este curso.

Nesta ocasión trátase da recuperación dunha obra teatral de Gil Vicente (1523), baseada na versión de Cándido Pazó, e coa adaptación posta en escea e dirección de Agustín Bolaños. Falamos da peza teatral «A Farsa de Inés Pereira», que relata a historia cómica de Inés Pereira, unha moza que rexeita o matrimonio co humilde Pêro Marques («o asno») para seguir os encantos do cabaleiro Brás da Mata («o cabalo»). Esta decisión errada leva a Inés a sufrir desventuras no casorio con este cabaleiro ata que falece nas súas aventuras bélicas contra «os mouros».

Unha obra que co seu argumento é un exemplo do dito popular que di «Máis quero asno que me leve que cabalo que me derrube». Esta obra satiriza as ambicións de Inés e as expectativas sociais, amosando os caprichos dunha muller da clase media portuguesa do século XVI.

Na estrea o elenco estivo arroupado pola veciñanza que encheu a sala ata a bandeira. Veciñanza por certo que tamén foi participante na obra cantando e bailando ao son da música.

Esta peza teatral vai ser representada polas muiñeiras en distintos certames e teatros do noso país. Certames nos que coa súa «Heroínas Cotiás» acadaron diversos recoñecementos e galardóns, entre eles no VI Certame de Teatro Concello de Lourenzá .

Unha tarde de diversión e bo teatro.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *