MUÍÑO DO VENTO PRESENTE NA HOMENAXE ÁS VÍTIMAS DA REPRESIÓN FRANQUISTA EN CANIDO
MUÍÑO DO VENTO PRESENTE NA HOMENAXE ÁS VÍTIMAS DA REPRESIÓN FRANQUISTA EN CANIDO
O Memorial de Canido acolleu o sábado 7 de novembro o acto de homenaxe ás vítimas do golpe militar, a Guerra Civil e a ditadura franquista, organizado pola Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática. Foi unha xornada emotiva e moi participativa, cunha notable presenza de público que encheu o espazo para compartir a lembranza das vítimas. A música e a poesía puxeron voz e sentimento a unha homenaxe colectiva.
A Asociación Sociocultural Muíño do Vento estivo presente, sumándose a este acto e reafirmando o seu compromiso coa recuperación da memoria democrática e co recoñecemento das persoas que sufriron a represión franquista.
Nun contexto no que asistimos a intentos de cuestionar e minimizar a memoria histórica, actos coma este cobran un valor especial.
Nesta edición lembráronse especialmente María Vázquez Suárez, mestra asasinada en agosto de 1936, e Xaime Quintanilla Martínez, alcalde republicano tamén vítima da represión. O acto rematou cunha ofrenda floral en memoria de todas as vítimas.
Desde Muíño do Vento celebramos tamén a recente declaración de Ferrol como Cidade de Memoria Democrática, aprobada definitivamente o pasado 2 de novembro. Un recoñecemento importante que debe ir acompañado de actuacións concretas.
Neste sentido, queremos lembrar, xunto coa Asociación Veciñal de Canido, a situación de abandono na que se atopa o monumento ás vítimas situado no parque Antón Varela e a súa contorna
Celebramos que Ferrol recoñeza a súa memoria, pero tamén queremos que os lugares que a representan estean á altura da historia e da dignidade das persoas ás que lembran.
