LAMINAS SOBRE A MIÑA VIDA

EXPOSICIÓN DE PINTURA DE JOSÉ MARÍA CRIADO

A arte está presente en todos os aspectos da nosa vida sen dar descanso a ningún dos nosos sentidos e manifestándose independente … mesmo dos poderes económicos. A arte só responde diante dos seus autores e diante daqueles que se senten interpelados pola obra. Contribúe a facernos máis doada a vida diaria, a medir a nosa capacidade de sorpresa e a explorar os límites da nosa sensibilidade sentimental ou estética.

As formas, a representación gráfica, a influencia dos sons e as cores no noso estado de ánimo son obxecto de exploración que axudan ao individuo, autor e receptor da obra, a coñecerse mellor e a reconciliarse (ou axustar contas) coa realidade de cada quen.

Este venres, 13 de xaneiro, ás 12:00 h., coa presenza entregada das numerosas persoas asistentes, inaugurouse unha exposición de José María Criado baixo o título de “Os meus gustos e eu. Láminas sobre a miña vida”.

O autor iniciouse xa adulto no debuxo descritivo e as súas técnicas atopando nesa actividade artística un xeito para explorar a súa propia consciencia e de facernos partícipes dalgúns fitos que conforman a súa experiencia persoal.

A exposición está exposta no Centro Cívico de Canido e, na súa materialización, participan a Asociación da Veciñanza de Canido, a Sociedade Recreativa e Deportiva de Canido, a Asociación Socio-Cultural Muíño do Vento e, de xeito moi sobresaínte o Hospital de día do Sergas radicado no antigo Hospital Naval. A terapeuta ocupacional Nuria García Gonzalo, achegounos á obra de José María Criado que, finalmente, presentou a exposición e ofreceunos unha “visita guiada” dando algúns detalles da intrahistoria de cada un dos debuxos expostos.

Exposición recomendable e, simultaneamente, magnífico exemplo dunha actividade de barrio que pon as instalacións dispoñibles ao servizo das aspiracións e inquedanzas da xente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *