INTABARRIAL NO PLENO DE APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS DO CONCELLO DE FERROL
INTABARRIAL NO PLENO DE APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS DO CONCELLO DE FERROL
No día de onte luns 13 de xaneiro tivo lugar o pleno de aprobación dos orzamentos do Concello de Ferrol para o vineiro exercicio 2025. Dende que no barrio coñecimos o contido do documento e puidemos comprobar que non foron atendidas as nosas demandas máis urxentes, tampouco veñen reflicitidos investimentos importantes para o vindeiro ano.
O amaño de beirarrúas, o alumeado, o arranxo de fochancas, humanización de varias zonas do barrio que precisan acción urxente, non aparecen con partidas orzamentarias concretas. Xa non falar doutras actuacións como o estudo da viabilidade dunhas escaleiras mecánicas (que melloren accesibilidade e a mobilidade no barrio). Tampouco podemos esquecer que non hai mención para dous compromisos adquiridos non pleno municipal, como son a adquisición do Edificio de Suboficiais ou o estudo sobre a situación da vivenda no noso barrio e no Concello de Ferrol.
Fronte isto dende a veciñanza foi presentado por rexistro no mes de decembro un escrito con alegacións ao orzamento e unha petición de xuntanza para trata estas cuestións. Nin houbo resposta as nosas peticións, nin tampouco a esa solicitude de entrevistas, amosando unha postura inflexible e moi lonxana ao diálogo.
Por este motivo unha representacións da veciñanza en nome da Intrabarrial, pediu voz no devandito pleno para amosar o noso desacordo co documento presentado. Deseguido o documento que foi lido no pleno:
» Boa tarde, Alcalde, concelleiras e concelleiros, funcionariado municipal e veciñanza de Canido e de Ferrol.
Dende a INTRABARRIAL DE CANIDO vimos a este Pleno a amosar o noso descontento coa proposta de Orzamentos, que non contempla ningún investimento importante para o barrio.
Tampouco foron atendidas as demandas máis urxentes, de mantemento, humanización e mellora da mobilidade, peticións que todas as forzas políticas coñecedes dende hai tempo.
Ademais, non obtivemos resposta ao escrito presentado por Rexistro, no que solicitábamos unha xuntanza para falar precisamente sobre estas cuestións: nula resposta e nulo interese de diálogo polo de agora…
O pretexto do investimento do PLAN URBAN no barrio, xa non serve. Foi importante e supuxo un cambio radical na fisionomía, creando espazos de encontro e dotando ao barrio dun elemento clave na súa dinamización como é o Centro Cívico, que alberga gran número de actividades.
Mais xa pasaron case 15 anos, e o barrio dende ese momento está á espera de mantementos moi básicos e actuacións urxentes. Hai lugares de Canido que non tiveron un investimento dende os anos oitenta.
Falamos, entre outras cuestións, do estado lamentable das beirarrúas (que teñen ocasionado caídas e lesións) como é o caso da Rúa Poeta Pérez Parallé (que presenta ademais un deficiente alumeado); a Rúa Navegantes, as melloras precisas na Rúa Doutor Fleming; a humanización da Rúa Muíño do Vento ou de Celso Emilio Ferreiro; así como o acondicionamento do campeiro da Rúa de Muíño do Vento e a Rúa Lili.
No documento que presentamos por Rexistro, hai outras demandas relacionadas coa mobilidade. Xa non falamos dun investimento relevante, mais cando menos ter en conta ou estudar a viabilidade dunhas conexión mecánica que conecte o centro da cidade co noso barrio. A situación de Canido impide que moitas persoas maiores -ou con dificultades da súa mobilidade- poidan achegarse ao centro para facer diversas xestións e rachar co seu illamento.
Por último, non queríamos rematar sen lembrar que non se tiveron en conta os compromisos adquiridos neste Pleno Municipal. Pese aos votos favorables nas mocións -que parecen ser brindes ao sol- non se recolle ningún destes acordos na proposta que hoxe vai a votación.
Dicimos isto porque o goberno municipal adquiriu dous compromisos importantes co noso barrio; de forma unánime, ademais, co resto de forzas políticas !. Un ten que ver coa adquisición do Edificio de Suboficiais e a nosa proposta para mellorar e ampliar os usos deste recurso importante non só para Canido, senón para a cidade de Ferrol.
E o outro compromiso ten que ver co estudo da vivenda. Non hai partida orzamentaria para facelo e é obvio que non existe interese algún de actuar ante unha situación cada vez máis preocupante respecto do dereito do acceso á vivenda na cidade.
Estas son as nosas peticións, as demandas da INTRABARRIAL, das entidades e da veciñanza que quere ver feitos, non só acordos en papel mollado ou difusas promesas. Queremos realidades e non só votos positivos en mocións, que non van a ningún lugar, como hoxe posiblemente comprobemos cando marchemos deste salón de Plenos…
Por iso, e a pesar deste desencontro e do descontento, a INTRABARRIAL segue a ter, como sempre, disposición para o diálogo, facilitando a reformulación sobre as nosas demandas.
Grazas pola escoita.»