Charla «O que esconde o tren ao porto exterior»
O día 26 de setembro, no local da Sociedade Galega de Historia Natural, dous membros da agrupación Salvemos a Malata, Xandro García, biólogo e membro de Adega, e Quico, representante da Asociación de Veciños de A Graña, faláronnos das causas e efectos de levar o tren ao porto exterior de Ferrol polo seu acceso sur atravesando a enseada da Malata e non polo norte, como aconsellan os estudos levados a cabo por diversos colectivos.
Nesta charla, expúxose o proceso de recheo da enseada ao longo dos anos, que se vería afectada moi negativamente de se poñer un novo obstáculo para o necesario movemento mareal. Os relatores avisaron mesmo do perigo de que, nun futuro non moi afastaso, toda a enseada sexa obxecto dun proxecto de recheo para acoller mercadorías, e que suporía a privatización do que agora é un ben público, para o organismo Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.
No coloquio que tivo lugar ao final da exposición, chegouse á conclusión de que só a mobilización cidadá pode frear este novo atropelo contra o noso patrimonio.