CELEBRACIÓN DO 25 DE ABRIL

UN ANO MÁIS, DENDE MUÍÑO DO VENTO CELEBRAMOS O 25 DE ABRIL

Como cada ano, desde Muíño do Vento celebramos de maneira conxunta o aniversario da nosa entidade e o 25 de abril, unha data fondamente significativa polos valores de liberdade, xustiza e dignidade que representa. Nun tempo como o actual, no que estes principios seguen a ser necesarios e cómpre defendelos colectivamente, esta conmemoración adquire, se cadra, aínda máis sentido. Neste 2026, a celebración coincidiu cos 14 anos de traxectoria da asociación.

Neste marco, organizamos unha serie de actividades en lembranza da Revolución dos Cravos, combinando memoria, encontro e celebración ao longo da xornada.

O programa comezou co tradicional convivio para as persoas socias ás 14:00 h na Sociedade Recreativa e Deportiva Canido. Ás 17:30 h inaugurouse a exposición “13 anos de Muíño”, que reúne fotografías dos distintos actos do 25 de abril celebrados ao longo da traxectoria da entidade. A mostra permanecerá na sala de exposicións do Centro Cívico de Canido.

Durante o acto de inauguración tamén se realizou unha lectura de poemas relacionados coa revolución portuguesa, na voz das persoas integrantes da asociación.

Ás 19:00 h, como é tradición, interpretouse a canción Grândola, Vila Morena na coñecida como Praza 25 de abril, no barrio de Canido.

#25deAbrilSempre

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *