II Festival Outras Músicas en Galego

O pasado día 17 de maio, véspera do día das nosas letras, Muíño do Vento organizou a segunda edición do festival “Outras músicas en galego” sumándose así aos esforzos por poñer o foco sobre as músicas que se fan en Galicia e en galego ao lado da música de raíz ou con alicerces etnográficos. Sendo certo que a música conforma por si mesma unha linguaxe propia e universal, tamén o é que non se desenvolve á marxe das culturas e das industrias territoriais ou comunitarias concretas. Ademais da música relacionada co folclore, hai outras moitas actividades musicais que se fan desde o ámbito da nosa lingua.

É por iso que Muíño do Vento considera interesante realizar este festival e facelo vinculado á celebración do días das Letras Galegas.

Este ano, os grupos invitados foron Os Paranoias, A Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene e Farrapos de Ghaita.

Presentábanse así diferentes formas de enfrontarse coa actividade musical. Desde a composición e o acercamento á música máis intimista e persoal dos Paranoias, á lúdica, satírica, mesmo corrosiva e festiva da Corral Poliafónica, pasando pola música vinculada aos ritmos do rock e as súas secuelas ou variantes que naceron na segunda metade do século XX e manteñen viva a súa prolífica actividade.

O día, ou mellor dito a noite, non resultou especialmente apracible, polo que houbo que optar por realizar o concerto no interior do Centro Cívico, renunciando á súa realización no exterior. Aínda así a afluencia foi interesante e cómplice cos contidos do festival e as agrupacións intérpretes non decepcionaron ás súas correspondentes seguidoras e seguidores, construíndo entre todos eles, unha noite divertida e reivindicativa da nosa cultura.

Un pequeno xesto que se suma a unha multitude doutros pequenos xestos. A cultura facémola socialmente, en grupo gozamos e a interpretamos a música e é nosa incesante actividade a que da corpo, sentido e dirección á nosa comunidade.

Agradecemos a asistencia de todas as persoas que pasaron polo centro cívico de Canido para pasar un bo rato e moi especialmente damos as grazas aos grupos que aceptaron formar pare do cartel do festival deste ano. Entre todos fixemos un bo traballo.

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *