ROTEIRO Á PROCURA DAS HERBAS DE SAN XOÁN

ROTEIRO Á PROCURA DAS HERBAS DE SAN XOÁN

Noite de San Xoán. Noite máxica, solsticio do verán. Este ano o solsticio de verán no hemisferio norte produciuse ás 16:57 do mércores 21 de xuño. Desde ese momento os días comezan de novo a decrecer e, xa que logo, as noites a irse facendo un pouco máis longas cada día. Tradicionalmente, no entorno dese momento astronómico, no que o Sol se atopa máis cerca do noso hemisferio, celebramos a noite de San Xoán, a que vai do día 23 para o 24 de xuño. Unha noite na que as cacharelas, lumaradas (ou luminarias na zona de Ferrol), prenden e enchen de lapas e faíscas os ceos que tanto tardan en escurecer.

Noite con contidos astronómicos e máxicos que suscitan lembranzas da infancia e animan a transmitir esas vivencias ás novas xeracións.

Unha das tradicións máis populares para esa noite é o da elaboración do “cacho de san Xoán” que consiste en apañar sete herbas ás que se lle atribúen algunhas virtudes máxicas ou curadoras, ou que nos aportan o seu fragrante arrecendo, colocalas nunha conca con auga de sete fontes, deixalas pasar á noite ao luar e ó relento para que actúe o resío da mañanciña sobre el e nos resulte unha auga perfumada coa que lavaremos a faciana, despexando así malos augurios e outras contrariedades que nos poidan agardar no novo ciclo anual que se inaugura. A tradición dita que, ese ramo, convenientemente atado será colocado na parte traseira da porta de acceso á nosa vivenda e aí estará durante un ano gardando o noso fogar de males. Tamén, que o ramo do ano pasado, o que nos protexeu durante todo o ano que acaba de pasar, será queimado nalgunha das cacheiras que se prenden esa mesma noite.

A tradición é flexible. As sete herbas poden ser moitas máis, e a auga, que ao fin de contas auga é, non precisa ter abrollado de sete caños ou mananciais diferentes. A relación de herbas varía dunhas zonas a outras en función das máis doadas de atopar en cada comarca e resulta posible elaborar listaxes con máis de 30 plantas útiles para facelo cacho.

O pasado 23, ás 7 da tarde, convocados por Muíño do Vento e a Asociación da Veciñanza, fixemos, un ano máis, un roteiro polo barrio para atopar e apañar esas herbas axudando ao coñecemento dunha tradición que nos acerca respectuosamente á natureza e que ben paga a pena de transmitir. Contamos coa presenza e o coñecemento das herbas de Antón Cortizas que nos foi instruíndo sobre algunhas das características das plantas que fomos apañando (sen arrasar espazos nin arrincar exemplares) e dalgunhas outras que íamos atopando e coñecendo máis de cerca.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *