PRESENTACIÓN DO LIBRO ADEUS ÁS ARMAS. QUE FOI DO PACIFISMO?

Venres, 18 de decembro, 19:00h, no Centro cívico, co apoio da Asociación da Veciñanza de Canido, e a nosa Asociación, Muíño do Vento, dentro do amplo programa de actividades proposto para o Nadal deste ano no Barrio de Canido, presentábase a última publicación do Foro OBenComún: “Adeus ás Armas. Que foi do pacisfismo?.

Presentou o acto a activista social Lucía Vizoso Amado, e iniciou a presentación da publicación Manuel Dios Diz mestre e profesor de instituto, actualmente xubilado, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz. Para iso, deu paso a unha primeira intervención de saúda realizada por Federico Mayor Zaragoza, doutor en farmacia, profesor, poeta, político e alto funcionario internacional español que foi director da Unesco entre 1987 e 1999. Tamén foi subsecretario de Educación e Ciencia do Goberno que presidiu Carlos Arias Navarro entre 1974 e 1975, deputado por UCD durante a transición política desde o franquismo ao constitucionalismo do actual Reino de España, conselleiro do presidente do goberno Adolfo Suárez, ministro de Educación e Ciencia entre 1981 e 1982 e deputado no Parlamento Europeo polo Centro Democrático e Social (CDS). Trátase dun recoñecido intelectual que desde o ano 2000 preside a Fundación Cultura de Paz, desde o 2005 foi designado copresidente do Grupo de Alto Nivel para a Alianza de Civilizacións e desde 2020 é recoñecido como presidente honorífico da Comisión Internacional contra a Pena de Morte… E isto non é senón unha mínima parte do seu currículo persoal.

Recibida o saúdo de Federico Mayor Zaragoza, Manuel Dios presentounos o libro facendo unha introdución que xirou inicialmente sobre a elección do título: Adeus ás armas ou Abaixo as armas? Referencias cruzadas aos títulos das obras de Ernest Hemingway e Bertha von Suttner. Hemingway nárranos a historia de amor entre un soldado novo (Frederick Henry) e unha enfermeira (Catherine Barkley) na Italia da Gran Guerra Europea (ou Primeira Guerra Mundial, como tamén é coñecida desde o noso irremediable eurocentrismo). En “Abaixo as armas”, Bertha von Suttner, descendente dunha aristocrática familia austríaca, que a rexeitou, preséntanos a biografía de ficción dunha muller a quen a guerra arrebátalle dous maridos. O libro tivo un grande éxito internacional, foi traducido ás principais linguas e coñeceu unha amplísima difusión en toda Europa. Relata en profundidade os horrores das campañas bélicas que se desenvolveron entre 1859 e 1871. O título que finalmente foi á portada do libro presentado foi “Adiós ás armas”.

Desde un certo optimismo no que respecta á evolución da sociedade internacional, pero con profunda preocupación polos acontecementos recentes no corazón de Europa, reuníronse 21 traballos que valoran diferentes aspectos que preocupan ao pacifismo. 21 miradas críticas que tratan de desvelar as incógnitas que se agachan nas presenzas e ausencias na acción política en torno á guerra de Ucraína.

Participou tamén no acto Xoán Hermida, Licenciado en Historia Contemporánea e postgrao en Filosofia, Doutor en Xestión Pública e actual dirixente do Foro OBenComún que se refiriu ás 21 intervencións recollidas no libro como 21 miradas críticas ou heterodoxas e a si mesmo como un heterodoxo con respecto a esas heterodoxias, polo que cabía preguntarse no lugar onde iso o situaba.

Finalmente houbo un debate que derivou para as valoracións sobre o papel da esquerda, ou as esquerdas, as institucionais e as inmersas na sociedade civil, con respecto ao pacifismo e ás políticas de defensa. Rematou o acto, por imperativos do tempo dispoñible, pero permaneceron os desexos de debate e procura dunha dinámica satisfactoria para a paz dos pobos.

[Unha nota persoal deste cronista: os autores dos traballos recompilados no libro fan ben en iniciar esa procura sobre o pacifismo (“Que foi do pacifismo?”), xa que, se algo quedou claro é que, onde sexa que se atopase, non era na mesa desde a que se realizaba a presentación do libro.]

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *