CENTENARIO DO MANIFESTO MÁIS ALÁ DE MANOEL ANTONIO E ÁLVARO CEBREIRO
Con ocasión da efeméride do centenario do espallamento do manifesto Máis alá!, da autoría Manoel-Antonio e Álvaro Cebreiro, o xoves 15 de decembro tivo lugar no Centro Cívico de Canido o acto «Conversa ao redor do centenario do manifesto Máis Alá! no que participaron Xosé María Dobarro, Xesús Torres e Miguel Toval. Os dous primeiros coautores -xunto con Ernesto Vázquez Souza- do estudo que acompaña a edición facsimilar do manifesto e o terceiro responsable da editorial Embora, que o publicou.
Miguel Toval explicou como desde o primeiro momento a editorial se interesou por esta publicación que supuxo un fito na historia da literatura galega e que deu bastante que falar no momento da súa aparición á par de silencios moi significativos.
Xesús Torres relatou como chegara ás súas mans o orixinal do manifesto -que mostrou aos asistentes- a partir do que se fixo a edición facsimilar no ano 2000. Alfonso Posse, cuñado de Álvaro Cebreiro, que aínda vive con 96 anos, posuia os dous exemplares desta curiosa folla -así se referían a ela os autores- impresa polas dúas caras e dobrada dúas veces, o que dá lugar a 8 páxinas, que cómpre ler virándoa seguindo a numeración. Nese momento practicamente ninguén tiña visto esa folla que contiña o manifesto. Este era doado de ler desde 1979, data na que García Sabell o reproducira no volume Correspondencia acompañando a publicación das cartas a e de Manoel-Antonio que puxera nas súas mans a nai do poeta. Lembrou como Posse lle regalou o exemplar coa intención de que o editase para conmemorar o centenario de Manoel-Antonio. Contou como a partir dese momento se puxo en contacto con Dobarro para cumprir ese encargo, labor ao que se sumou Vázquez Souza, que daquela estaba a facer a tese e doutoramento baixo a dirección do profesor ferrolán. Así mesmo, referiu detalles da relación entre os dous autores e de ambos con Villar Ponte, que lles ofreceu a súa axuda para rematalo e sacalo á rúa. Fixo fincapé en que nese momento Manoel-Antonio era un perfecto descoñecido que non tiña máis que dez poemas dados á luz en publicacións periódicas: no suplemento «Nós» do diario coruñés El Noroeste e A Nosa Terra. Cebreiro, malia ter só 19 anos, era máis coñecido por colaboracións na prensa e polo seu traballo artístico: caricaturas, ilustracións en libros e revistas…
Xosé María Dobarro falou da recepción do manifesto, das noticias e artigos aparecidos na prensa das diferentes localidades galegas e da emigración americana, tanto en diarios como en revistas, tanto en noticias como en artigos asinados por diferentes escritores do momento. Subliñou que a práctica totalidade das reseñas non foron para nada positivas, poñendo o acento, principalmente, na ousadía de dous mozos sen experiencia vital para facer as descualificacións que facían, de practicamente todos os escritores, vivos ou mortos, da literatura galega contemporánea. Mesmo Valle-Inclán, polo seu madrileñismo.
O acto finalizou cun coloquio cos asistentes.