Parladorio ao serán con Elia Rico Lagarón

O xoves 6 de febreiro, ás 20 horas, tivemos un dos nosos Parladoiros ao serán, desta volta con Elia Rico Lagarón, poeta, presidenta da Sociedade Cultural Medulio e da Asociación de Veciños de Canido, e exdirectora do colexio Cruceiro de Canido.

O acto, como vén sendo habitual, tivo lugar na sede da Sociedade Galega de Historia Natural. A propia Elia fai o resumo do seu parladoiro e agasállanos con dous fermosos poemas da súa autoría.


NO BARRIO DE CANIDO

1. Chegada no curso 79-80. Erro administrativo. Sen casa nin destino.

2. Contradicións: A cidade ( Os Asteleiros, Defensa e o Barrio)

3. O Traballo no Centro Educativo do Barrio. Etapa moi activa.

4. A Terra e o idioma como eixos vertebradores da da miña personalidade.

5. Implicacións no mundo cultual, social e político.

6. Prexubilación –Máis tempo para participar na vida social, cultural e política.


1-2 Chegada a Canido. Contradicións: A cidade e o Barrio.

Vivo en Canido desde que cheguei a Ferrol,no ano 1979. Nunca viñera a Ferrol, e aquí cheguei no mes de agosto buscando vivenda, xa que por un erro da administración non cursaron a renuncia a praza que tamén por erro lle deran ao meu home. Pediramos por consorte condicional e de min esqueceranse.Eu seguía en Moreda, un pobo da cunca mineira asturiana. A escolla da vivenda foi doada,tiñamos dous nenos pequenos, e o barrio de Canido contaba para min co espazo preciso para que puidesen sentirse en contacto coa natureza desde o espazo onde habitaban. Creo que eles se beneficiaron desta escolla moito máis tempo da súa nenez.

Dous anos despois de estar en Ferrol, entrei a dar aulas no CIEP do Barrio. Poucos Centros educativos contaban cos espazos verdes e de xogo que posúe ese Colexio.

Vivir preto do lugar de traballo foi un privixelio que sempre valorei. Estiven neste Centro ata o remate da miña vida profesional.

A confianza coa que me sentía no barrio era moi similar a que sentía na terra donde nacín, Seixosmil, unha aldea que se agocha na aba da Serra de Meira, alo onde o río Miño comeza a ruxir.

O modo en que sentía o Barrio facía que mirase a cidade dun xeito determinado, creo que do mesmo xeito que o facían os meus veciños/as.

…”Vamos a Ferrol…” Dicían, cando baixaban ao Centro da cidade, tanto de compras, a traballar ou a pasear. Penso que a sensación de pertenza a un grupo determinado, só o sentían no barrio. Estar en Canido significaba estar baixo a protección dun espazo común e propio.Eu tiña, e sigo tendo, a mesma sensación.

A traza do Barrio formaba parte da forma de vida dos seus habitantes. Casas uni-familiares, ou bi-familiares, con patio e horta. En moitas delas había animais domésticos. Este tipo de vida constituía parte da subsistencia dos seus habitantes e abastecía, en parte, de mercadorías as tendas do barrio, nas que tamén se vendías produtos elaborados polas tendeiras: biscoitos, freixos,torradas…

Recordo erguerme coa serea da FENIA, de ir a fábrica de Lápices, hoxe derrubada, e de abastecerme nas ferraxería, estancos, e demais servizos cos que se contaba neste curuto de Ferrol.

Mais xa daquela comezara a destrución do máis xenuíno de Canido, con torres de casas que ocuparon os espazos das hortas, sen ningún tipo de rubor. A permisividade das políticas urbanísticas fixo ricos a uns poucos e empobreceu ao entorno e aos seus habitantes.

Non había, nin hai o respecto debido ao noso patrimonio, herdanza que recibimos como ben común, non individual. A vista está que non o percibimos así,por eso non llelo deixamos en herdanza aos nosos fillos.

Todos/as nos espantariamos se se derrubase unha casa de “Ucha”, pois aquí, en Canido estamos asistindo ao abandono e derrube do único “Chale tipo Indiano de Ferrol, a que espazos como o Corral de Chapón, a Casa do Patín, a Casa do Pobre… desaparezan sen ningún tipo de abraio.

Ferrol para min era un mundo que alentaba sempre coa ollada posta en Madrid, símbolo do Estado. Canido sufría este abandono e mirábase así mesmo consolándose.

Parecíame imposible que nunha cidade eminentemente obreira houbese tantos Colexios Privados, que enseguida se trocaron en Concertados, ou sexa privados, pagados con fondos públicos.

A experiencia vivida crea os contrastes, e onde eu estudara, en Lugo, salvo os colexios relixiosos e máis tarde esa experiencia educativa singular do Colexio de Fingoi, no que deu aulas o insigne profesor ferrolán, Carvalho Calero, non existía tanta diferenza de clases na educación.


3. O traballo no Centro Educativo do Barrio.

Profesionalmente, como na vida, eu sempre precisei aprender, e poñer en práctica métodos e modos que me permitisen chegar a ese alumnado que non se adaptaba aos currículums deseñados na Administración para a xeneralidade abstrata. Ao mesmo tempo precisaba ter un motivo para sentirme viva.

A procura de libros nos que se me proporcionaba información de como aprende o ser humano, e o achegamento aos profesionais máis críticos co establecido foi unha constante da miña vida profesional, así como a certeza de que a superación das probas para acadar o posto de mestra non supoñían máis que uns requisitos oficiais, a partir de aí, eu sabía moi pouco de como ensinar.

Tiven bastantes travesías en soidade, como todo o mundo que non segue o camiño estipulado, pero as veces eso axuda a construción persoal, e sobre todo a sentirse un pouco dono dos seus espazos, e algún recoñecemento.

Permitíuseme adicar un ano sábatico a elaboración de Unidades Didácticas para Educación Infantil, baseadas na Literatura Popular.

Da nosa Literatura Popular pódese extraer todo un cúmulo de sabedoría, creada e utilizada polos nosos devanceiros, cando eles eran a escola. Ningún material pode ser máis lúdico, nin posuír máis posibilidades de adaptabilidade as actividades escolares: expresión, vocalización, xogos, pensamento creativo, xogos de sensibilidade, enredos…

A participación dos maiores na formación dos máis novos estaba moi arraigada na Galiza. Foise perdendo esta práctica debido ao desprestixio a que foi sometida a nosa cultura e tradición pola imposición dunha cultural centralista e de sometemento. Instalouse nas nosas escolas nun  ensino estraño que nada tiña que ver coa nosa forma de ser e de pensar, e baixo o paraugas da modernidade empobreceuse a educación integral dos nenos/as galegos, ao mesmo tempo que se desprestixiaba a nosa forma de ser e de estar no mundo, e a nosa lingua, instrumento básico de construción do pensamento.

Eu recordo como meus tíos facían que xogase, buscando solucións a enredos que podían ser de calculo, habilidade mental, sensibilidade. Non teño lembranza de nada tan pracenteiro no ensino regrado. Senón ao contrario, alí primábase a memorización sen sentido de contidos sen relación coa nosa realidade.

A Educación Infantil foi unha das miñas obsesións. Con moita loita conseguise que se impartisen especialidades nesta Etapa educativa por especialistas.Hoxe esa sensibilidade nesta etapa esencial na vida das nosas crianzas esta desaparecendo e só nos queda o valorado inglés. A liña de galego nos Centro que existía esta baleira de orzamento.

Outro elemento importante da miña posición educativa foi a Dramatización. O Teatro como elemento de expresión completo, en todas as Etapas educativas. Desde cantigas ata a escrita de obras que se adaptasen as características da aula.


4. A Terra e o Idioma como eixos vertebradores da miña personalidade.

A construción persoal de cada un ten espazos e impactos esenciais.

A lingua do pais e o mundo rural están no meu ADN e son os parámetros desde os que vexo e mido a realidade. Puiden renunciar a eles pero non sería máis que unha momia baleira.

Comecei a estudar aos 12 anos de forma casual, debido a preocupación de miña nai, xa que se vira obrigada a deixarme sen escola dous anos debido ao nacemento das miñas dúas irmás máis novas, ás que coidaba mentres ela traballaba con meu pai no campo, era unha cuestión de subsistencia.

Cando cheguei a Lugo, para unha cultura xeral, eu levaba unha fala e unha cultura rural incorporada como algo propio. Estudaba noutra lingua porque así estaba estipulado. Nunca a lingua propia representou para min un lastre, nin un obstáculo a hora de adquirir coñecementos, moi ao contrario. Todo o resto do tempo que non fose os das aulas, comunicábame en galego, xa que a xente do rural residiamos en pensións nas que tamén se usaba a nosa lingua.

Cando voltaba a aldea nas vacacións, non había ningunha diferenza, a xente do pobo aínda conservaba a súa dignidade, aceptaban que os máis novos buscasen outro modo de vida distinto da súa precariedade, mais non admitían que os deles viñesen falando noutra lingua allea a súa. Sabían que o Sistema educativo botara fóra á lingua do pais, e o mesmo lles daba se estudabamos en español ou outro idioma estranxeiro, serían extranos igualmente, pero era o obrigado a renuncia a nosa fala. O que aínda non sabían era que ademais do idioma acabarían tamén entregando o seu porvir á modernidade. Hoxe xa o saben, e teñen o corpo cheo de soidade e feridas.

Eu non podería ser doutro xeito porque ás miñas costas levo todas as vexacións ás que foron sometidas as miñas xentes, pero tamén toda a súa dignidade e sentido de pertenza a terra que nos deu forma.


5. Pre-xubilación.

Coa pre-xubilación chegou unha época de encher o tempo con máis responsabilidades, culturais, sociais e políticas, aínda que estas xa as comezara antes de deixar as aulas, como concelleira do BNG en Ferrol.

A realidade na que me atopo agora non foi programada, nen buscada conscientemente. Semella que vives situacións que non elixiches, pero eso non é así, en cada paso que damos vamos construíndo o presente que vivimos e o futuro que agarda.

A implicación social e vital foi de obrigado cumprimento, non souben vivir doutro xeito, neste intre atópome con varias responsabilidades que ocupan moito tempo do que dispoño.

Dentro das nosas responsabilidades penso que temos a obriga de manter os bens de creación colectiva que non nos pertencen para destruír, senón para seguir elaborando e transmitir. O noso valor máis importante é a nosa singularidade. A modernidade non está rifada coa nosa identidade. Canido é un Barrio que conserva aínda as súas sinais de identidade.

Os veciños/as de Canido mantiveron ao longo do tempo a festa ancestral do renacer da natureza, da terra que fecundada frutifica.

Sei que no tempo que andamos hai moitos interese por uniformarnos a todos, por converternos en espantallos da globalización e submisos consumidores.

A resistencia contra a mercantilización de todo ten que ser continua e firme. Temos argumentos que ninguén nos pode cuestionar. A conservación do que somos, se é que queremos representar algo no mundo.


PABLO

Hoxe, teu pai, unha vez máis,

cruzará os pinceis sobre a paleta incolora,

porque a profunda liña do infinito

atravesou a súa mirada de poeta,

esvaendo a harmonía das cores e das formas.

No espazo do baleiro, hoxe

saudarate cunha aperta de amargura,

contendo na súa faciana limpa e bondadosa

a dor inmensa do teu insoportable lamento,

e bicará as mans tremelantes da túa nai,

que agocha en silencio a faciana dun tempo sen piedade.

Non escribirei o teu nome, xa invisible,

neste papel banal, máis,

dóeme o peito, como se riscase nel

lentamente, cada unha das súas letras

cun punzón de aceiro e lume.

Nego esta mañá espavorida,

que anda debuxando a túa fuxida.

Négome a que ocupes un oco máis

das miñas sombras,

por iso non te nomeo,

así ,hei de esquecer a miña dor

e a de todos os que te queremos.


FRONTE ÁS CINZAS DA MEMORIA

Sentada fronte ás cinzas da memoria,

recollidas as mans lentamente,

no meu regazo de azar e loita.

Soa, neste espazo da demora

interrogo á inútil impotencia,

do violento e burlado peche dos meus soños,

fortalezas axeonlladas nas horas que

poderosas, xerarquizan a historia.

Sentada fronte ás cinzas da memoria.

Négome a lembrar un tempo

roubado nas sombras,

construído ás apalpadas.

Non podo falar coas rochas, nin

do que non posúe nome,

só mañás tremelantes abrazadas á noite.

Renego do prezo devengado,

ao pracer dos dourados zumes,

dos días máis tenros, inconscientemente

consumidos sen demora,

nas cores fuxidías dos tolos arrecendos,

percorrendo a desbocada primavera.

Sentada fronte ás cinzas da memoria,

guerreira sen tempo, descabalgada

nos insomnes cascallos das ruínas.

Coa miña dor vencida en amargura,

ás feras acompaño nas miñas viaxes de noite,

poldros novos, carrexando no vento

os ollos brillantes e húmidos da liberdade.

                      Elia Rico Lagarón

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *