ESTREA DE » HEROÍNAS COTÍAS»

ESTREA DE » HEROÍNAS COTÍAS», OBRA TEATRAL DAS MUIÑEIRAS DO VENTO

Nun espazo ateigado por un público expectante, no Centro Cívico de Caranza e dentro da programación “Domingos a escena, do Concello de Ferrol, hoxe,  domingo, 29 de outubro de 2023, puidemos ser testemuñas da estrea da obra das Muiñeiras do Vento, “Heroínas cotiás”. Un tempo marabilloso cheo de diversión e reflexión intelixente sobre a vida cotián das mulleres galegas, o que é tanto como dicir das mulleres do noso universo todo.

Vimos, nun tren de sucesivos actos, unha reflexión sobre os problemas que afrontan as mulleres adicadas ao teatro en clave cómica e metaliteraria; outra, ben aguda,  sobre a vida e a obra de  Concepción Arenal; o papel das “carrexadoras” na construción do dique da Campá en Ferrol;  o traballo como porteadoras de equipaxes; as diferenzas xeracionais entre aboa e nai, nai e filla e filla, tres xeracións con experiencias ben diferentes; o transcorrer da vida desde o nacemento ata a morte, as carpideiras (plañideiras) e os ritos de paso para o trasmundo; unha peza rítmica e con certa carga de surrealismo chea de feminismo… Interpretación, comicidade, texto, reflexión, música, danza e ritmo. Teatro completo.

Un tempo de gozo, unha experiencia do que é vivir o teatro, realizalo, interpretalo e vivilo sen límites, con honestidade e ben facer. Parece ser que Borges, lector apaixonado e fino crítico literario, definiu o teatro como a arte no que alguén finxe o que non é, e hai outro, que é o espectador, que finxe que o cre. Persoalmente admiro a Borges, pero estou convencido de que esta peza podería ser quen de modificar este punto de vista. Neste caso o teatro aparece como arte no que a compañía ao completo representa  e ri, sen caer na banalidade, co que hai e co que houbo, e no que o espectador que goza do texto, baila e danza coas intérpretes, ri con elas, aprende e sabe que o que se lle conta é ben certo. E se así non foxe, se pese a todo seguise defendendo esa definición… el o perdería.

Se tedes a oportunidade de ver a representación, non só non perderedes o tempo, senón que pasaredes un rato marabilloso, gañaredes en perspectiva feminista e agradeceredes ao director, músico e intérpretes un tempo tan excepcional.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *