CANIDO EN NOMES
Na pasada tarde do xoves 15 xullo déronse no Centro Cívico dúas presentacións simultáneas.
Nun mesmo acto estreáronse o videoclip “Canido” e a páxina web canidoennomes.eu. Ámbalas dúas propostas forman parte do proxecto Canido en Nomes; impulsado polas entidades “Asociación Cultural Muiño do Vento, Asociación Veciñal de Canido e Asociación Cultural Ferrolterra Antiga”.
O acto foi conducido polo acordeonista e profesor da Universidade da Coruña, Joaquín Enríquez, e pola presentadora da Televisión de Galicia, Rocío Rodríguez.
No mesmo interviñeron os historiadores Rubén Labisbal e Antonio Casal, da Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, que falaron sobre a xénese do proxecto Canido en Nomes. Subliñaron a importancia fundamental que tiveron as colaboracións no programa “Unha tarde no muiño” da Rádio Filispim, dirixido por César Pita; explicando que dito proxecto ten como obxectivo a reivindicación dos espazos cotiáns, dando a coñecer a historia e biografías tralos nomes do rueiro.
Incidiuse na idea dun proxecto aberto á participación da veciñanza que, tal e como xa teñen feito o grupo de “Mulleres Bravas”, pode achegar a súa memoria e lembranzas coa finalidade de seren recollidas na páxina web do proxecto.
Interveu tamén o poeta Antón Cortizas, autor do poema “Toponimia” (no que se basea a canción “Canido”). Antón relatou o proceso de creación do poema e culminou coa a lectura do mesmo.
Pola súa banda, Javier Férnandez, da empresa Explorer 66 Air, explicou como foi o proceso de gravación do videoclip; destacando a profesionalidade tanto de Joaquín como de Rocío, os cales, respectivamente, foron as persoas que musicaron e interpretaron a canción.
Tamén contamos coa participación telemática do Concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, que quixo felicitar a Canido polo seu novo himno.
Finalmente, como peche do acto, proxectouse o videoclip “Canido”, que reflicte a boa síntese entre os participantes do proxecto.
Sinalar que a páxina web ‘canidoennomes.eu’ virá servir como soporte e complemento dun roteiro teatralizado que transcorrerá proximamente polo barrio de Canido e que será sinalizado cunha serie de códigos QR.
PREME PARA ACCEDER Á PÁXINA DO PROXECTO Canido en nomes